BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos de investigación e estudio
A túa fala que verqueu na nosa o celme deleitoso das entenas do sangal, pecoreiro, campesío sermo vulgaris.
Trátase, naturalmente, do latín, do idioma que describe e canta Cabanillas deste xeito:
Encol, a xoia máis prezada: a Fala. A fala nobre, nidia, lampexante, solermiño vencello de cen pobos, luz e vieiro. A imperial fala culta, tecedeira do Dereito; solene e xusta en Tulio; no mesiánico, lírico Virxilio, arpa e cantiga. A de Horacio, pulida, ourilocente; no austero Xuvenal flaxeladora; soma e noite no triste desterrado do PonteEuxino.
Non cita Millán estas tres estrofas sáficas, pero nelas está ben presente a devoción que Cabanillas sente polo latín e por algúns dos seus escritores, tal como nos ten aleccionado o seu amigo e eséxeta. 3.4. ALGUNHAS CONCLUSIÓNS A enquisa e as cartas que reproduzo, son unha fonte de información inestimable para coñecelos últimos anos do poeta Cabanillas, dedicado, en boa parte, a parafrasear poemas gregos e latinos. Aí está o magnífico libro de 1955 Versos de alleas terras e de tempos idos, que non é o único, pois, en Camiños no tempo, de 1949, figura un poema insospeitable, a traducción galega da ?Salutatio ad patriam?, de Antonio de Nebrija. Foi a primeira traducción ?aclara Isidoro Millán? que don Ramón fixo do latín. Entre as primeiras hai que contar algúns epigramas de Marcial, labor no que a axuda de Millán, confirmado polo propio Cabanillas, foi moi importante. Por Millán sabemos tamén que un ?capítulo? do poema Samos (1958) traduce o ?Epilogus? de Prudencio, poeta a quen o noso traductor tiña en moi alta estima. As páxinas a min dirixidas precisan cal foi o modus operandi, case sempre, nas traduccións do latín: lectura ?entre os dous? do texto latino (coa auctoritas de Millán e o olfacto poético de Cabanillas), feita a cal don Ramón construía a súa traducción galega non ad litteram en presencia dunha versión castelá do seu novo e sabio amigo. Así foi, por exemplo, no caso do longo fragmento das Metamorfoses de Ovidio. Nalgúns casos, poucos, non se produciu esta axuda concreta: os dous textos de Estacio, por exemplo.
Nº 364 246