Traballos de investigación e estudio
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
R. ? As máis das versións de Marcial, senón todas, estaban feitas antes do 25.VIII.1948, como o aseguro neste intre por carta que lle mandei a Dozón nesa data. Foran traducidas naquel vran ?por máis que as retocara logo? así como a Salutatio ad patriam de Nebrija ?primeira latina que puxo en galego?. O texto latino da composición de Nebrija figuraba, se non marro, anteposto á biografía do P. Olmedo (González Olmedo S. J.), libro que me emprestara Ramón15. Esto deu motivo a comentar libro e poema, que lle gostara moito. Compuxera tamén neste vran o Canto a Roma e Flor de orballo16. A causa de se interesar por Marcial e de emprender o traslado ó galego dalgúns epigramas déronlla as longas conversas que tivemos sobre o poeta. Tamén me emprestara Ramón o libro de Monseñor Lorenzo Riber Marco Valerio Marcial: un celtíbero en Roma (1941). A maneira de ser e escribir do bilbilitano ?cinismo desenfadado, agudeza da observación e do ferrete, fondo de tenrura?, divertíao moito e gostou logo da tersura precisa e elegante do estilo, que lle puxen de resalto... En saldo e finiquito: recadei da Biblioteca Provincial de Pontevedra o tomo da Budé e, ó tempo que lía eu toda a obra, entrasacouse dela o monllo de poemas que el verteu. Insisto en que, cando facía unha versión ó castelán, ía sempre acompañada de copia de latina orixinal; conservo reproducción dalgunha. Sobre o encontro de Cabanillas co poeta Marcial (e con Isidoro Millán) hai tempo que exhumei unha carta do traductor a Otero Pedrayo na que lemos: ?Das traduccións de que falas, verás: o probe Crecente Vega falárame en Madrid, pouco antes de que Dios o levara, de verter ó galego a Catulo e Marcial: coido que non se atopou nada feito. Eiquí, en Cambados, falando con Isidoriño Millán, un rapaz que sabe moito de latín e de grego, deprendido dos xesuitas, escomenzou a traducir o derradeiro, e eu, como por xogo, fun pondo algúns epigramas en verso galego: si temos tempo e saúde faremos unha selecta. Algunha outra cousa tenzoaremos, mais inda é cedo pra falar delo? (1881948)17.
V
P. ? En carta a R. Carballo Calero (Madrid, 8111954) escribe: ?Antre o 89 e o 93 paseei os craustros de San Martiño Pinario, de onde saín cun revoltixo na cachola... De Latín, Grego e Filosofía, nada, nin polo forro; catro vaguedades penduradas dun fío?. En realidade, ¿eran tan escasos os seus coñecementos do grego e do latín? R. ? O seu grego era realmente moi escaso, inda que non nulo. Non é certo ese ?nin polo forro?. Escribíalle así a Carballo Calero nun dos momentos, non raros, nos que deploraba no íntimo non ter estudiado máis a fondo as linguas clásicas. O grego que se ensinaba daquela nos Seminarios ?¡e hoxe!? era moi pouco. Canto máis que Ramón non pasou dos catro primeiros anos alí. As traduccións dos autores gregos fíxoas as últimas de todas. Coido que en Samos, ou xa en Madrid, manexando libros e versións na biblioteca da Academia. Curiosamente, non tiven parte ningunha nelas. Coido que ó verme ocupado nos meus estudios, non quixo roubarme tempo. Nin siquera fago memoria de que me fixera consultas a este propósito. O seu tempo de composición debeu ser do inverno do 1951 a 1955. O 31.VIII.1951 escribíame dende Samos: ?Llevaré a Cambados para tu supervisión los fragmentos de Ovidio y Marcial y alguna otra cosilla: cada día me gusta más el latín y cada día lo alcanzo menos, pero, a pesar de ello, me metí con Estacio?. Estes fragmentos de Marcial eran versións, como dixen, xa retocadas e postas en limpio. O Estacio fíxoo el sen ningunha axuda nin, ó que coido, emenda miña que agora eu recorde. Do nivel do latín, reitero o arriba dito. Xa no ano 1947, se non marro, pedírame emprestado un Manuale christianum que eu tiña, e conservo, totalmente en latín, co N. T.
243
Nº 364