AS NAVEGACIÓNS OCEÁNICAS DE XOSÉ ANTÓN AVILÉS VINAGRE
É primavera en Noia e a noite será unha longa mina de diamantes Avilés de Taramancos Poemas de ausencia
Xohana Torres
No escudo da vila aparece Noé a botar a cabeza fóra da Arca, compracido polas vistas. Carpinteiro de ribeira de oficio, pertence tamén á gran nación oceánica, á confederación dos homes do mar, os embarcados, sempre á procura de beiras azuis e illas de felicidade. Só cambian as rutas e as paisaxes. Noé, a quen lle creceron oliveiras despois da chuvia. Benvinda a historia bíblica dunha marea a tempo contado, corenta días e corenta noites, mito que asume os mecanismos da supervivencia e a perpetuación das especies. Noia é ría sen illas que defendan a entrada, se cadra para mellor valorar a bocana entre Louro e Corrubedo, e a esvelta serra do Barbanza. Os aluvións do Tambre mudaron o espacio, avanza a marisma, pero existe nela unha singular vida vexetal, os golfes, que osixenan as augas para sementeira de organismos vivos e riqueza de bivalvos. Noia é vila de murallas e casas brasonadas. Poderosa na Idade Media, capricho de señores xenoveses nun mundo de beleza acuática entre salmóns e cisnes, ergue hoxe o gótico orixinal de Santa María A Nova, primor de laudas gremiais e nobiliarias. E ten sona de bos escultores e arquitectos, o gran Ferreiro e Felipe de Castro, o Bernini galego. E outro noiés, Xosé Antón Avilés Vinagre, Avilés de Taramancos, exerceu aquí con fino cicel a arte da fascinación polas palabras, fronte a este mar que tanto escoita os poetas. É a literatura un universo indócil, mais hoxe, as voces afortunadas da nosa Real Academia, en sesión plenaria, extraordinaria e pública, dedican o Día das Letras Galegas a un home que fixo da poesía exercicio de amor e liberdade por onde navegou a súa existencia. Celebremos na súa obra a harmonía da lingua, os rexistros imaxinativos que vivifican a escrita, ese canon de indagación persoal ao que nunca lle afectaron os ventos dos procesos poéticos. A obra avilesiana enxalza calquera cultura e, sen data de caducidade, camiña co alento firme dos grandes autores.
219 Nº 364