Alocucións académicas sobre María Mariño no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
desconcerto?, o verdadeiramente sorprendente, digo, é ese estilo propio que navega nos lindeiros da gramaticalidade e en ocasións mesmo ultrapasa ousadamente esa fronteira. Non hai ignorancia da lingua, non hai carencia de recursos lingüísticos básicos. A falta de formación gramatical, académica, que se lle supón non pode ser freo nin pexa para unha falante que, obviamente, ten interiorizada a gramática da súa lingua. Todos os galegofalantes falan pola gramática, mesmo aínda que non cheguen a reflexionar nunca sobre ela na escola. En María Mariño hai un esforzo constante de forxa e creación lingüística ?non sempre exitosa?, baseada na reutilización de voces con ampliación de significados ou con novas categorías e mais na anulación do papel da sintaxe como estrutura ordenadora. Apenas crea novas palabras pola vía da derivación (como lonxear, que non significa 'ir lonxe, afastarse', senón 'andar por lonxe', 'pasear + lonxe'), e non o fai porque recorre adoito ao emprego das vellas formas con funcións ou significados categoriais diferentes; así, o adx. longo convértese no substantivo longo e pasa a significar 'espazo entre puntos distantes, amplitude, circundo' (Dona era a gaita do longo daquela aldea, PnT 19]. En ocasións, parece que estende ata a fronteira da gramática posibilidades lingüísticas comprobables na lingua oral ou escrita: así, o substantivo peito pasa a usarse como 'ánimo, empuxe, espírito, coraxe' (?Froriña de alto talle entre herba ben nacida, hoxe toda peito eres do alento daquel día?, PnT 31), poida que a partir da expresión (non) ter peito de/para; seguindo o modelo de de lonxes terras tómase o emprego de lonxe e doutros adverbios como adxectivos (a lonxe voz do poeta, ruxir do preto curral) e, ¿por que non?, como substantivos (eu sentía un lonxe triste); da relación substantivoverbo exemplificada, por exemplo, en pechopechar sae escoitoescoitar (cf. cast. escucha) e da equivalencia total ou parcial de cansocansado, pagopagado, calzocalzado, etc., sae pousa por pousada; de casos excepcionais como ir a por auga tómase a cadea de rexencias preposicionais en terra de sin pisadas; ou, por rematar, seguindo o modelo de sapoconcho e outros compostos similares, crea unha morea de voces dobres, do tipo arranquebrío. A maxia e o dominio das palabras. María Mariño semella fascinada polas palabras. Reparen nos seus dous títulos en galego: verba que comenza, palabra no tempo. Distintos autores dos que andamos nesta compaña de mariñeantes salientaron o seu gusto pola metábase, é dicir, polo uso de palabras dunha clase no canto das da clase esixida pola gramática (substantivos por adverbios ou adverbios por substantivos, poñamos por caso). Naturalmente, María Mariño non inventou esta figura nin é probable que soubese que tiña nomes (metábase, hipóstase, transposición...), ela só a empregou máis aló dos límites habituais e cunha frecuencia inusitada, e, por iso, fíxoa característica do seu estilo. As palabras son imaxes: instantáneas, cada unha valiosa en si mesma polo seu significado, resonancias e connotacións, pero ao mesmo tempo todas e cada unha cobran un valor novo na xustaposición a outras imaxes na visión impresionística do conxunto.
117 Nº 368