BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
ámbito dun pequeno sector do galeguismo, en xeral, e do nacionalismo, en particular7, polo que o propio Antón Avilés de Taramancos cando volveu de Colombia tivo que dar algunhas explicacións dirixidas a rebaixar o que xa medrara na imaxinación de moitos alimentado pola potente prosa que aquelas cartas posuían e que abraiaron no seu momento, precisamente porque o seu carácter autobiográfico activou o que Philippe Lejeune8 chamou o pacto autobiográfico, que é unha manifestación particular do pacto referencial, propio dos discursos científicos, históricos, tecnolóxicos ou xurídicos, nos que como nunha situación comunicativa estándar, tal e como as describe H. Paul Grice9, dáse por suposto o principio da sinceridade e o dereito á verificación por parte dos destinatarios. Algo moi próximo ao xénero da confesión, que quizais conveña máis aos nosos fins respecto destas cartas de Avilés, pois aínda que participa das notas semánticas e pragmáticas da autobiografía e do pacto de lectura inducido por ela en canto a sinceridade e vericidade (mesmo verificabilidade nun senso documental ou historiográfico10) propicia a indagación íntima en detrimento dos materiais biográficos de procedencia factual, razón pola que a narratividade da confesión resulta algo difusa comparada coa propia da autobiografía, abeirándose a miúdo ao ámbito do ensaio ou mesmo (que tal é o caso de Avilés) da lírica. Baixo as premisas expostas ata aquí, hai que rexistrar que a obra prosística de Avilés, recompilada en volumes exentos, sancionada e autorizada por el en vida, redúcese, como xa é ben sabido, a dous títulos de moi diferente fasquía: dunha banda, unha única obra que deixou escrita en prosa con claros signos paratextuais de transmitir unha mensaxe pragmática ao receptor no sentido de que, a pesar do substantivo ?crónica? que aparece no título, ou precisamente porque aparece cun aceno intertextual grandilocuente que ten algo de humorístico, vai adquirir e/ou ler unha obra de ficción. Refírome a Nova crónica das Indias11, que é o que centrará as seguintes liñas. Doutra, un libro misceláneo no que se reúnen discursos pronunciados en ocasións variadas e, fundamentalmente (en canto á cantidade incorporada), moitas das súas colaboracións (bastante populares, como xa insinuei máis arriba, e isto non debemos perdelo de vista) na revista Barbanza, xa fosen asinadas co seu nome literario xa cos pseudónimos Hércules Poirot ou Ulises Fingal. Ficarán sen considerar aquí, como non sexa esporadicamente, aqueloutros escritos que non foron obxecto de estructuración editorial en formato de libro. Nova crónica das Indias supuxo no seu momento unha refrescante e exótica experiencia lectora que nembargantes non deixa de empatar ás veces coa tradición galega de narrativa curta dun Cunqueiro ou dun Castelao. Así, por exemplo, o relato do respectado cacique Pakaraíña a quen o narrador homodiexético di ter coñecido na caza do crocodilo e que finalmente resulta ser natural de Betanzos, ten resonancias daqueles dous mariñeiros que en Cousas, de Castelao, despois de estaren a falar entre eles, un en francés e o outro en inglés, nun porto ignoto do norte europeo, e despois de comezar a cantar un deles unha cantiga popular: Lanchiña que vas en vela; / levas panos e refaixos / para a miña Manoela, inmediatamente captada polo outro, pois tamén era galego, saen abrazados da taberna mentres son
Nº 364 192