Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
za. O que non pode e mesturar a ficción coa realidade, mentres exerza esas actividades. Fóra delas poderá aplicar as súas habilidades a crear mundos posíbeis tirados da propia imaxinación. Isto sería literatura. O outro será outra cousa. Non podo nin debo pararme agora nestas cuestións pero un problema engadido para o caso da literatura galega (e podemos seguramente extrapolar ao caso de toda literatura emerxente) é o feito de que calquera texto escrito na lingua do país sentiuse ata hai ben pouco tempo, por parte dalgúns sectores da sociedade galega contemporánea, como portador de dimensións alleas á intención primordial de transmitir coñecementos científicos ou información veraz do tipo que fose, fenómeno este debido, quizais, a unha especie de excentricidade cando non exotismo que eses sectores sociais sentirían que emanaban deses textos polo simple feito de ver unha fala considerada popular, familiar e coloquial vertida á letra impresa, e debido tamén, dende logo, ao fenómeno contrario, a un sentimento de grupo que levou ás instancias enunciadoras a utilizar os rexistros máis frecuentados polo discurso literario ca polo científico á hora de construír gran parte dos textos teóricos, xa políticos xa culturais, en xeral, e mesmo científicos, elaborados dende a óptica galeguista ou nacionalista; rexistros que, levados ás páxinas con voluntariosas intencións reivindicativas e de lexitimación (esa forza liberadora que levaría de seu a propia lingua, segundo Avilés, como veremos máis adiante), solaparon, ás veces con algo moi próximo á inxenuidade, a mensaxe rigorosa e comprobábel de fondo que se pretendía transmitir ao lector.4 No caso de Avilés de Taramancos, que non exerceu de cronista no sentido historiográfico e rigoroso da palabra pero si de intérprete poético da historia, nin de xornalista, como concepto profesional pero si a columna de opinión, inciden ademais outras compoñentes que non podemos obviar polas adherencias épicomíticas, por unha parte, e lúdicopopulares, pola outra, que se formaron arredor da persoa do poeta e xa que logo pola influencia que tiveron sobre a lectura dos seus textos ao facerse practicamente inevitábel a proxección desas adherencias no acto da lectura para todo aquel que coñeza as peripecias vitais que Avilés experimentou dende o seu regreso á vila de Noia en 1980 e aqueloutras do seu exilioemigración por terras colombianas que el mesmo narrou oralmente dende a súa volta da emigraciónexilio, pero xa antes en cartas particulares, que ao saíren á luz pública5 perderon esa condición íntima para se converteren en documento público, nunha especie de epístolas dirixidas a un colectivo lector (cando menos) galego. As primeiras condicionaron a lectura das súas colaboracións na revista Barbanza, na que el asinou unhas veces co seu ortónimo e outras con pseudónimos de clara intención paratextual para que os textos así firmados tivesen unha lectura lúdica (literaria) axeitada, o cal non lle evitou problemas coa xustiza en casos de columnas como as tituladas ?Dormir en Madrid? (núm. 2) ou ?A cona de Marta Chávarri? (núm. 26)6. Polo que se refire ás cartas e ó que nelas se conta, por máis que este xénero se recoñeza cada vez máis como unha narración na que un eu se constrúe a si mesmo e polo tanto non pode garantirse a súa referencialidade, induciu a un proceso de mitificación epopeica no
191 Nº 364