Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
País hai uns poucos anos cunha sección titulada ?El País al revés?, na que, entre outros xogos, se sometía o lector á tesitura de se pronunciar sobre a veracidade ou falsidade dunha noticia, dando lugar a experiencias ben chuscas. Pero iso tamén tiña necesariamente as súas regras de xogo: aparecía nun suplemento embuchado no xornal pero diferenciado do corpo propiamente informativo. É dicir, aparecía diferenciado parabolicamente e o lector xa sabía que tiña que activar mecanismos de recepción apropiados. Precisamente empatando con isto último cómpre considerar algo que para o meu punto de vista é fundamental no enfoque que fagamos de Avilés de Taramancos e a(s) súa(s) prosa(s) e que consiste en que as instancias emisoras e enunciadoras do texto vense obrigadamente abocadas a utilizaren certos recursos orientadores das claves de lectura, coa finalidade de que o lector poña en funcionamento os mecanismos pertinentes de recepción e se exercite ou non na epokhé. Estes recursos abranguen certamente un abano abondo amplo e van dende o deseño do soporte e programación de paratextos apropiados ata mecanismos retóricos suasorios xeradores de discursos encamiñados a orientar a lectura e así facer do texto un producto literario ou doutro tipo. En boa medida, en efecto, é o soporte, o formato, o deseño e os diferentes paratextos que os acompañan, xa sexa dun libro, unha revista, un xornal, un programa de radio ou de televisión, e dentro deles as diferentes sección, titulares, sintonías, etc., o que confire ao texto escrito ou oral a súa condición de literario ou non literario, é dicir de texto con parámetros de ficcionalidade ou sen eles, respectivamente. Dende este punto de vista está claro que, en puridade, por exemplo, un texto xornalístico orientado á información non é, non pode ser, un texto literario, pois del debe estar ausente ao máximo a dimensión de ficcionalidade de que estamos a falar. Isto non quere dicir, obviamente, que no interior dun formato mediático con intencionalidade fundamentalmente informativa, non poidan aparecer textos literarios, como de feito aparecen. Pero para que iso ocorra cómpre que se dean, cando menos, algunha destas dúas condicións: ou ben, e este é o recurso máis socorrido, que ese texto apareza diferenciado mediante o deseño da maqueta (espacio fixo na páxina, sintonía(s) na radio, carátula(s) na televisión), de xeito que o lector poña en marcha os mecanismos de recepción apropiados, ou ben que o autor do texto dispoña a escritura de xeito que no proceso de lectura non haxa máis camiño que a interpretación ficcional, literaria. É dicir que ou ben se bota man de elementos paratextuais que indiquen ao receptor cómo debe ler, oír ou mirar, é dicir, qué competencias e qué mecanismos de descodificación debe activar para non facer lecturas, audicións ou visionados aberrantes, ou ben, mediante o manexo de recursos apropiados sexa o propio texto o que se identifique como literario ou non literario. Xa que logo, os textos xornalísticos, científicos, cronísticos, históricos, etc., non poden entrar, en principio e por definición, no concepto de literarios. Pero isto non quere dicir, obviamente, que estes textos non poidan ter características semellantes ás que presenta un texto literario, unha vez excluída a ficcionalidade. Iso se consideramos ese texto na súa
189 Nº 364