BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Calquera texto, como se sabe, pode ser obxecto de lecturas varias e desas lecturas dependerá o encadramento que del fagan os receptores, como textos de pura información de calquera tipo que esta sexa (histórica, social, de actualidade, erudita, cultural, reporteril, etc.) ou como textos de puro entretemento lúdico ou de goce estético, pois todo depende da proxección que sobre ese texto faga o lector dos discursos que conforman a súa visión do mundo. Desde este punto de vista, hai dúas convencións de natureza pragmática que delimitan o ámbito da literatura fronte aos outros sistemas sociais. E a índole pragmática destas convencións débese a que son aprehendidas polos participantes no curso da súa historia de socialización; xorden historicamente e determínanse de igual xeito. Por unha parte podemos identificar a convención estética, que funciona para regular o feito de que un autor poida facer declaracións que non se correspondan coa realidade, ou propoñer normas no texto que non sustentaría como suxeito cívico, posto que non se ve sometido a condicións de verificación ou a sancións sociais. Consonte esta convención, os axentes dun sistema literario actúan segundo valores e regras de significación que se consideran estéticos e, en consecuencia, non verificábeis nin sancionábeis baixo ningunha consideración que non sexa estética. Doutra banda está a convención de polivalencia, segundo a cal os receptores poden asignar á mesma base lingüística, é dicir, ao que chamamos texto, distintos comunicados segundo os diferentes niveis de recepción. Noutras palabras, fai posíbel que se constrúan significados distintos ou experiencias alternativas en relación a un mesmo texto. En boa parte, este privilexio do texto literario débese a que sempre pode acollerse (do mesmo xeito que outras formas culturais non necesariamente lingüísticas) ao estatuto da ficcionalidade de que falabamos antes e á inmunidade de ser sometido á interrogante da súa verdade ou falsidade, predicación, esta, que non é pertinente facer dun texto literario, cando menos se no contexto e situación en que se produce queda clara a súa condición fictiva, sen referentes determinantes de axuste a ningunha realidade preexistente ao texto en si, por moi próximo que consiga ser percibido como tal, aínda que valéndose, efectivamente, desa realidade preexistente para a construcción dun mundo posíbel, verosímil e mesmo con toda a aparencia de verificabilidade. Claro que para que ese texto prospere como literario ten que lograr que o lector se aveña a practicar o que os gregos chamaban a epokhé, é dicir, que suspenda mentres le a súa tendencia a comprobar a veracidade ou falsidade do mundo que percibe. Iso que a teoría literaria anglosaxona chama suspensión do descremento (suspension of disbelief), cousa que nunca pode lograr, por definición, un texto xornalístico, cronístico, ou histórico, sempre sometido á proba do algodón da verdade. Naturalmente, dentro destas posibilidades de suxeición ao estatuto da ficcionalidade colle tamén a actividade lúdica de someter o lector á proba da súa credibilidade ou capacidade de asumir como reais determinadas propostas textuais, que tal é o que fixo o diario El
Nº 364 188