Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
unha obra pertence ou non ao dominio da literatura. Segundo isto, o escritor ficcional simula realizar actos ilocucionarios, no sentido que a esta expresión lle dá a teoría pragmática da linguaxe, ou teoría dos actos de fala (Speech Acts)2 e que a teoría da literatura aproveitou para explicar as características da linguaxe literaria como modalidade de acto de fala que implica un uso peculiar da linguaxe. Mediante a ficcionalidade elabóranse e estructúranse mundos posíbeis, baseados no principio de verosimilitude, que consiste, non nunha reproducción do mundo existente, senón nunha composición similar á que rexe no mundo real. Por outra parte, e isto é algo que cómpre salientar particularmente, está o feito de que, se ben ningún achegamento esencialista á pregunta ¿qué é literatura? conseguiu respostas satisfactorias ao problema, si estamos nun camiño máis seguro cando afrontamos a pregunta en termos pragmáticos e sociolóxicos, é dicir, cando a facemos tendo en conta os destinatarios e usuarios dos textos que se producen no seo dunha sociedade3. Agora si, agora sabemos, ou cremos saber, que un texto non é literario porque conteña elementos non presentes noutros textos elaborados lingüisticamente. É dicir que o que os formalistas rusos chamaron literariedade (literaturnost) non reside en ningún trazo específico que non poidamos achar en calquera outra organización de signos lingüísticos, xa sexa esta organización oral ou escrita. E isto débese a que eses intentos de definición esencialista do texto literario bateron sempre coa constatación da presencia dos trazos supostamente exclusivos do rexistro literario, é dicir, do que consideramos literatura, noutros textos non producidos con intención estética ou lúdica. Efectivamente, en textos orais ou escritos do simple intercambio lingüístico ou da comunicación coloquial entre os falantes dunha lingua ou naqueloutros elaborados para necesidades forenses ou científicas aparecen tamén eses recursos retóricos, figuras e tropos que se viñan considerando propios e aínda exclusivos dos textos literarios. Pero estes son asuntos xa obviados durante o século XX. Así as cousas, dende as investigacións e reflexións actuais acerca do fenómeno estéticoliterario, un texto considérase literario cando é utilizado como tal pola sociedade receptora, é dicir por un colectivo histórico que decide conferirlle esa condición fronte a outros textos producidos no seu seo e que considera non literarios ou fóra do sistema. Falo de sociedade receptora, pero mesmo podemos, e coido que debemos, extrapolar esa decisión de clasificar os textos como literarios ou non literarios, por un lado ao gran polisistema cultural, no seo do cal xogan un papel decisivo hoxe en día axentes que nada teñen que ver coa producción e recepción estética individualmente consideradas, senón coas estratexias do mercado, coa institución ou cunha intermediación académica ou crítica, que adscriben ou non certos productos ao eido da literatura; ou ben tamén podemos extrapolar ao caso máis restrinxido dun único individuo, que, segundo lle prouguer ler ou oír un determinado texto dun xeito ou doutro, segundo llo indiquen as súas crenzas, ideoloxía, competencias semióticas ou a súa enciclopedia interiorizada, ten todo o dereito e liberdade para clasificalo dentro ou fóra do ámbito literario.
187 Nº 364