BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Non é do caso expoñer aquí todos os intentos que se levan feito, pero por dar conta dalgúns dos posicionamentos respecto desta cuestión, por outra parte xa abondo divulgados, cómpre recordar que, por exemplo, alá pola década dos anos vinte do século pasado os formalistas rusos falaban do valor autónomo da linguaxe poética, que transcendería a simple finalidade práctica da comunicación á que se reduciría a lingua cotiá. Ese valor autónomo consistiría no realce que toma a forma da expresión literaria gracias á presencia dun maior número de artificios ou recursos fonéticos, morfolóxicos, sintácticos e semánticos que desautomatizarían e converterían esa expresión como tal, por un efecto de estrañamento, no centro de atención do discurso. E nesa orientación cara á mensaxe mesma, cara á forma da expresión, radicaría, segundo Roman Jakobson, a función poética da linguaxe. Tamén o carácter plurisignificativo da linguaxe literaria, portadora de posibilidades semánticas múltiples, fronte, por exemplo, á linguaxe científica, que tende á univocidade, podería ser un trazo característico pertinente a ter en conta. A connotación, que prevalecería na linguaxe literaria, fronte á denotación da non literaria sería outra posibilidade diferenciadora (a este respecto, hai quen opina actualmente, coido que con bo criterio, que cómpre superar ?la falsa contraposición entre lenguajes denotativos y connotativos?1). Etc., etc. Non podo estenderme máis nesta casuística, pero si quero salientar para o asunto que nos ocupa hoxe un criterio posíbel de diferenciación entre o texto literario é os que non o son (ou non se considera que o sexan) e que reside na presencia de ficcionalidade no primeiro fronte á necesaria ausencia dela nos outros. Sexa isto dito en termos moi xerais e mantendo as debidas cautelas para diferenciar entre o declaradamente literario e xéneros fronteirizos aos que cómpre achegarse cun escalpelo ben afiado. Así por exemplo, parece excesivo e reduccionista, contra as consideracións que vou facer, o que escribe Albert Chillón no libro citado na nota 1, cando di que
la entronización de la ficción como requisito ineludible de la literariedad tuvo en el pensamiento literario dos efectos de tamaño considerable, cuya reverberación ha llegado hasta nuestros días: en primer lugar la expulsión de la República de las Letras de géneros testimoniales o discursivos como la crónica, el relato de viajes, el dietario, la autobiografía, la biografía, la correspondencia epistolar, el ensayo, el reportaje; después el olvido de las relaciones que la literatura de ficción mantiene inevitablemente con el mundo de la vida, y, ergo, la tentación de considerar las obras literarias como frutos de la imaginación soberana y autárquica del creador, independientes de toda conexión con la realidad empírica. (p. 65)
Evidentemente, coido que Albert Chillón extrapola dun xeito excesivo as consideracións que a teoría literaria fai acerca da ficcionalidade inherente á obra literaria e obvia o tratamento que se lles dá como propiamente literarios nas historias das literaturas a moitos dos xéneros que cita. Por outra parte, o caso de Avilés de Taramancos, como ben soubo ver hai xa moito tempo Salvador GarcíaBodaño, é un exemplo de íntima imbricación de literatura e vida. De todos os xeitos o que é certo é que a ficcionalidade é unha característica ou trazo que para moitos teóricos constituiría un criterio definitivo á hora de se pronunciar acerca de si
Nº 364 186