Vida oficial da RAG
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Actividades extraacadémicas: a) Visitas aos lugares máis emblemáticos da cidade e aos seus museos e monumentos. b) Partidos de fútbol e baloncesto no Pavillón Universitario. c) Asistencia a distintos concertos e exposicións artísticas e culturais. d) Xantar campestre de confraternización ao aire libre no ?Refuxio? de Sigüeiro, con actividades de integración e festival de cancións, no que participaron todos os estudantes agrupados por países. O acto de clausura tivo lugar o día 27 de xullo, despois da revisión dos exames e da cumprimentación das enquisas de avaliación, no salón de actos da Facultade de Filosofía, e nel participaron a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia (Dna. Marisol López Martínez), o Presidente da Real Academia Galega (D. Xosé Ramón Barreiro Fernández), o Vicerreitor da Comunidade Universitaria e Compromiso Social da Universidade de Santiago (D. José M. Mayán Santos), o Secretario do ILG (D. Xulio Sousa) e o director dos Cursos (D. Manuel González González). Neste acto fíxose entrega dos diplomas de asistencia aos alumnos e alumnas, e dos diplomas de capacitación aos que superaron as probas establecidas para cada nivel. Non se produciron incidencias negativas dignas de mención, e nas enquisas realizadas ao finalizaren os cursos, os alumnos mostraron un alto nivel de satisfacción. Ao remataren os cursos enviouse unha relación dos estudantes que obtiveron o diploma de aptitude en lingua galega nos distintos niveis á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para os efectos de recoñecemento establecidos pola lexislación pertinente. II. Sección de Historia, creada en 1998. Director: D. Xosé Ramón Barreiro Fernández. Financiamento: Real Academia Galega. Traballos desenvoltos: O profesor Barreiro Fernández, director desta sección, acaba de entregar na imprenta a monumental biografía de D. Manuel Murguía, primeiro presidente da Real Academia Galega, unha obra chamada a ser unha referencia inevitable na xa extensa bibliografía dedicada a un dos arquitectos da historiografía galega. O autor da obra cedeu xenerosamente os dereitos da primeira edición da obra á Real Academia Galega.
285
Nº 369