BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Manuel Lugrís Freire
En 1915, coa presentación ao público do coro popular Toxos e Froles e o seu cadro de declamación, o teatro galego recibiu o pulo definitivo, porque os coros se multiplicaron por toda a xeografía galega. Porén, estes grupos tiñan unha ?filosofía escénica? en que non encaixaban os dramas de Lugrís. O modelo para estes cadros era o dos parrafeos dos ferroláns Euxenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida, isto é, pezas breves e de carácter cómico, obras en que cabía o elemento reivindicativo e didáctico, mais que tiña que entrar pola vía do humor. Os espectáculos dos Coros Populares non estaban pensados para ensombrecer a alegría do pobo, senón para o divertir e entreter, para que valorase o seu patrimonio musical e que non o desbotase. Se de paso podían corrixir algunha das pexas ou vicios deste pobo, mellor que mellor; mais o público non podía saír triste ou irado dos seus festivais. Quizais por isto ?ou quizais a petición do Coro Popular da Coruña Cántigas da Terra presentado ao público no verán de 1917 e propiciado polos homes das Irmandades da Fala?, Lugrís daba ao prelo, ese mesmo ano, a comedia en dous actos O pazo. Con esta peza Lugrís volvía ao xénero dos seus comezos como dramaturgo en Cuba e facíao, na nosa opinión, cun fin claramente propagandístico do ideario das recentemente creadas Irmandades da Fala. O xa vedraño dramaturgo, traballado por variadas aventuras rexionalistas e agraristas, comprendeu que por vez primeira na historia un movemento de reivindicación galeguista conseguira unir a todos os que estaban preocupados polo futuro de Galiza, superando as diferenzas ideolóxicas e integrando persoas de todas as tendencias políticas. A única bandeira era a lingua, eran os ?enxebres?, os ?bos e xenerosos?, e o seu labor debía ser apostólico. Tiñan que conseguir reintegrar na cultura galega aqueles sectores sociais que a abandonaran e esa era a mensaxe que o protagonista d'O pazo, Pedro, transmitía cando outro personaxe, Mingos, negaba a condición de galegos aos que falaban español. Pedro afirma con rotundidade: ?Tamén son os demais, pero están equivocados?. Os irmandiños, os ?enxebres?, eran a nova fidalguía, os heroes que ían conducir a sociedade galega a unha nova etapa de gloria. O Pazo transformábase no símbolo desa nova elite que, ao contrario da fidalguía de sangue que perdera o seu papel na historia, guiaría a reconstrución económica, política e social da Galiza contemporánea, polo que Lugrís indica na didascalia en que describe o decorado da peza: ?Arboreda no fondo, e no cume d'un couto sería comenente que se vira un pazo gallego?. En 1918 O Pazo foi montada e estreada por tres grupos: o coro popular 'Cántigas da Terra', da Coruña; o cadro de declamación da 'Asociación de Dependendientes del Comercio', de Ferrol; e mais a 'Agrupación Artística', de Vigo. Esta ?tripla? estrea é un outro indicador do prestixio do que gozaba Lugrís, non só como persoeiro do movemento nacionalista, senón como dramaturgo. A fins de 1917 comezaron a aparecer grupos que intentaban chegar a unha certa estabilidade e mesmo a representaren exclusivamente teatro galego, isto é, grupos que se propuñan acabar coa diglosia lingüísticocultural de espectáculos en que se mesturaba
Nº 367 114