BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
O catecismo do labrego (1967) de Valentín Lamas Carvajal, o primeiro título da editorial e libro insignia da colección (chegou ás catorce edicións, vendeu 70.000 exemplares, 20.000 nun só ano) e a serie de ?Chispas da roda? de Fernando Quesada foron os títulos máis populares da edición en galego do seu tempo; así como Retorno a Tagen Ata (1971) a noveleta de Xosé Luís Méndez Ferrín e moitos outros textos, resultado das colleitas do editor no eido da literatura tradicional da súa querenza, como O refraneiro do viño e Cantigas do viño, por citar só dous casos. A colección literaria Pombal, iniciouse en 1967, coa publicación de Cantos de Nadal, Aninovo e Reis. Presentada cun formato e un deseño semellante aos libros da colección Austral, pretendía ofrecer ?ao leitor galego? obras tanto contemporáneas como outras ?nacidas no pasado, que pola súa fondura, calidade ou interés xeneral merezan saír do cuasi anonimato da rareza bibriográfica? [palabras do editor na presentación da colección]. E abofé que o conseguiu, xa que os vinte e catro títulos de Pombal (moitos varias veces reeditados) serviron para que toda unha xeración de mozos coñecésemos os clásicos galegos do Rexurdimento ?Follas Novas (1968) de Rosalía de Castro, Queixumes dos pinos e outros poemas (1970) de Eduardo Pondal, Aires da miña terra (1971) de Manuel Curros Enríquez?, que por razóns políticas non quixo publicar ata entón a editorial Galaxia. Pombal, ademais, publicou as primeiras edicións de libros claves como A fronteira infinda (1972), o libro de relatos de Celso Emilio Ferreiro; Contos da néboa (1973) de Ánxel Fole; Adios María (1971) a novela de Xohana Torres; Dos anxos e dos mortos (1977), a novela xeracional de Anxo Rei Ballesteros; O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte (1979) as estremecedoras memorias de Antón Alonso Ríos, coas que don Xosé María iniciaba dentro da colección a serie ?Alexandro Bóveda? coa que se ?pretendía esclarecer o pensamento do nacionalismo galego en tódalas súas lexítimas vertentes? (a achega alboral de reivindicación da memoria histórica). Por último, Pombal abriu outro vieiro, non menos decisivo, o de iniciar un proceso de diálogo da edición en galego coa literatura universal, a través da tradución de títulos como Antígona (1976) de Sófocles ou A Iliada (1977) de Homero. Castrelos, ademais da edición de libros, foi un foco de activismo cultural. Dende a oficina de Pi e Margall 14 alentábase a xa citada experiencia de Serigrafía Gallega, promovida por don Álvaro Álvarez Blázquez, coa intención da popularización da arte galega contemporánea; como tamén se distribuían as míticas pegatinas (?Falemos galego?, ?Galego na escola?, entre outras), que constituíron a primeira campaña de promoción de uso da lingua de noso que coñecemos. PRIMEIRO EDITOR CONTEMPORÁNEO Xosé María Álvarez Blázquez, na súa segunda etapa como editor, á fronte de Castrelos utilizou criterios estritamente de mercado para facer viable o seu proxecto editorial. Xosé María suplía o alto custe unitario de fabricación dos seus produtos e o pagamento
Nº 369 94