Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
segundo relata o seu protagonista, Ferreiro foi quen lle deu conta da aparición dun novo sistema de impresión, a serigrafía, do que tiña coñecemento pola súa experiencia como responsable dun tallerciño de fotogravado. A noticia inquedou a Álvaro quen decidiu procurar información sobre as súas características, atopándoa no señor Marcos, un gravador que a viña practicando de forma moi precaria no obradoiro que rexía na praza de Chueca. Nunha primeira viaxe a Madrid para atoparse con aquel artesán, Álvaro adquirirá elementais coñecementos da técnica da serigrafía, que non pasaron de saber que se trataba dun procedemento de impresión a través dunha peneira, o que provoca un resultado de excelente calidade para as tintas e as cores. Días despois do regreso da súa viaxe le en Faro de Vigo un anuncio que marcará a súa vida posterior: ?Antes de embarcar para América enseñaría el arte de la Serigrafía a quién le interesase?. Tan enigmático reclamo proporcionaba o enderezo dunha pensión situada preto da Estación. Don Álvaro non o pensou dúas veces e concertou na libraría anticuaria Monterrey a primeira cita co seu novo profesor, un gordiño moi falador, madrileño, tamén, como o primeiro, que lle proporcionaría os coñecementos imprescindibles para montar na bufarda da casa de Marqués de Valladares 15 o seu primeiro obradoiro. O éxito da técnica animouno a montar o seu primeiro obradoiro profesional, que denominará Serigrafía Gallega, en Falperra 33, un dos baixos da Panificadora, situado enfronte da taberna de Armando, frecuentada, tamén, polos traballadores de Edicións Castrelos. Axiña realizará os primeiros encargos consistentes en felicitacións de Nadal, autocolantes para os vehículos da Citroën ou bandeiriñas publicitarias para os que contaban co deseño de Urbano Lugrís, que precisaba daqueles traballiños para inventarse a vida. Aínda emociona comprobar o enxeño desbordado do noso pintor do mar, que realizou os debuxos das bandeiriñas do Ano Santo de 1965, do restaurante El Mosquito ou fermosísimas tarxetas de Nadal. Aqueles traballos ?comerciais? simultaneábanse coa impresión dos primeiros carteis para festas e exposicións (preparados por Virxilio) ou para a celebración do 17 de maio (obra de Xohán Ledo). A edición de milleiros e milleiros de autocolantes cos textos de ?Galego na escola?, ?Falemos galego? e ?Xa falamos?, promovidos por ensinantes galeguistas e distribuídos tamén por Castrelos, terá un grande impacto no lento agromar da conciencia de uso público da lingua galega. Colaboracións con edicións Castrelos que se estenderán á realización das portadas e dun expositor promocional da colección O Moucho, ou de cubertas doutras obras, como logo sinalaremos. Comezaba así, a finais dos sesenta, a comprometida contribución a prol da difusión da cultura galega de Serigrafía Gallega, que tiña a Luis Ameijeiras Olañeta como encargado do taller e que chegará a contar até con nove empregados. Tras esta digresión necesaria sobre a técnica serigráfica e a colaboración entre os dous editores da familia, recollemos o fío que deixamos no catálogo da colección O Moucho.
93 Nº 369