BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
EDICIÓNS CASTRELOS Mais, continuemos co seu periplo como editor. En 1967, con cincuenta anos feitos, decidiu revitalizar o proxecto de Edicións Castrelos, que fundara tres anos antes cos seus irmáns. Comezou, entón, unha das aventuras máis apaixonantes e produtivas da historia da edición galega. Coa intención explícita de resucitar a colección ?Flor e Froito? das súas Edicións Monterrei, popularizar o libro en galego e convertelo nun negocio editorial normalizado, don Xosé María desenvolveu en Castrelos, durante doce intensos anos, un catálogo de case cen títulos, que permitiu a difusión de 600.000 exemplares, cifras espectaculares que a situaron como a editorial punteira do seu tempo e a que permitiu máis decisivamente, antes do inicio do período autonómico, a ampliación da sociedade lectora na nosa lingua. Don Xosé María organizou o seu catálogo en base a dúas coleccións troncais, O Moucho e Pombal, ás que máis tarde engadiría outras dúas dedicadas a poesía, Mogor e Pico Sacro (onde se publicaron Canle segredo e Romanceiro da Terra Cha, poemarios do propio Xosé María e Darío Xohán Cabana, que traballou, dende 1970 e durante catro anos, man con man co editor). O Moucho, colección publicitada baixo o lema ?Libros do pobo para o pobo?, constituíu un fito na historia da edición en galego. Cun deseño moi orixinal e cunhas portadas coloristas serigrafadas a cinco tintas, os 58 títulos daqueles libros de 48 a 64 páxinas (tiñan un prezo de trinta pesetas e unha tirada inicial de 3.000 exemplares) inundaron de lectura galega, por vez primeira na nosa historia, as librarías e as feiras populares, que tamén alí se vendían estas alfaias. Chegado a este punto, quixera facer unha imprescindible referencia á técnica da impresión serigráfica daquelas portadas dos mouchos, identificables, ademais, pola presenza da figura dun labrego creado por Bofill, un dos colaboradores gráficos habituais de Faro de Vigo e portadista da colección, e preparadas por Serigrafía Gallega, a empresa que montara Álvaro, o irmán máis novo de Xosé María. Neste ano Álvarez Blázquez non está de máis lembrar tamén a peripecia empresarial de don Álvaro como editor serigráfico, unha proeza coma a do seu irmán. Nos seus últimos anos tiven a fortuna gozar da amizade de Álvaro e poder reconstruír a súa aventura editorial. Nacido en Tui en 1921, Álvaro Álvarez Blázquez trasladouse a Vigo, onde dende 1944 traballou como funcionario do Instituto Social da Mariña e, como os seus irmáns, Xosé María, Darío, Emilio e Alfonso, participou nos círculos culturais vigueses dos anos cincuenta. Foi da súa amizade con Celso Emilio Ferreiro, con quen amigou na tertulia do Café Derby, onde xermolaría o seu interese pola técnica da serigrafía que, vinte anos despois, racharía coa invisibilidade na que viviu a plástica galega de posguerra. Unha sucesión de acontecementos fortuítos, protagonizados por don Álvaro, fixo posible desenvolver esta experiencia tan singular como exitosa no seu tempo. Así,
Nº 369 92