BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
venatorio y coquinario gallego (1958) de José María Castroviejo e Álvaro Cunqueiro ou como os da colección Beatus Jacobus, edicións numeradas impresas en papeis de calidade e maquetadas con xenio e fasquía clásicas. Foron os casos de El buho gallego con las demás aves de España (1951), obra que o editor determinou que escribira Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos ou Vida y viajes literarios de Fray Martín Sarmiento (1952), edición ao cargo do seu socio Viñas Cortegoso. XMAB abriu en Monterrei, ademais, dúas coleccións en lingua galega: ?Leixado do vento? e ?Frol e froito?. Na primeira publicou ao longo da década dos cincuenta dez títulos, en edicións de trescentos exemplares en papel verxurado, algunhas ilustradas e mesmo empregando a cor. Nesta serie incluíu títulos da súa produción poética como Roseira do teu mencer (1950, poemario que dedicaba á súa filla Colorín), o Cancioeiro de Monfero, Século XIII (1953, presentado como anónimo, mais que como ben sabemos foi da autoría do editor, unha trasnada literaria ben simpática) e Romance do pescador peleriño (1954), ademais doutros emblemáticos como Poesías galegas. Égloga de Belmiro e Benigno. A Alborada (1951) de Nicomedes Pastor Díaz (ilustrado por X. Sesto), Entremés famoso sobre a pesca do río Miño (1953) ou Cantiga nova que se chama riveira (1957, reedición do segundo poemario de Cunqueiro). Na segunda, iniciada en 1953 cun libro de BenChoShey, Andrómenas. Contos para o pobo, coa intención de constituír unha fiestra aberta aos novos valores literarios, recuperar textos clásicos e popularizar a divulgación da literatura galega, XMAB anticipou o nacemento do que logo se chamaría Nova Narrativa Galega coa publicación dos dous primeiros libros do mozo Gonzalo R. Mourullo, Nasce un árbore (1954) e Memorias de Tains (1956), toda unha proeza de modernidade. Mención á parte neste requintado labor editorial de edicións Monterrei en tempos menesterosos (o seu logotipo foi inspirado nun debuxo de Urbano Lugrís) merece a edición en 1960 de La ciudad y los días, o calendario histórico de Vigo, que tivemos a fortuna de traducir ao galego durante este ano blazquiano. Vigo e os vigueses aínda tiñamos unha débeda pendente con quen ao longo de todo o ano 1959 desenvolveu nas páxinas de Faro de Vigo, dirixido daquela por Francisco Leal Insua, a proeza de escribir, empregando a forma de efemérides e baixo o título xeral de ?Calendario histórico de Vigo?, o que constitúe até agora a obra máis orixinal e singular da historia local viguesa. Colaboracións xornalísticas diarias, escritas cunha prosa briosa e engaiolante, documentadas con pasmosa erudición, que Xosé María rearmou o ano seguinte en forma dun libro de case seiscentas páxinas publicado nas súas Edicións Monterrei, ao cal lle daría o título principal de La ciudad y los días. Un volume que soubo enfeitar cunha cuberta serigrafada, realizada no obradoiro da Serigrafía Gallega do seu irmán Álvaro, sendo o primeiro libro que utilizaba en Galicia esta técnica de impresión. Ademais, non o esquezamos, don Xosé María é o autor principal doutra alfaia da nosa historiografía local, Vigo en su historia, groso volume de seiscentas cincuenta páxinas publicado en 1979 pola Caixa de AfoNº 369 90