BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
alcalde de Tui, e que todos eles foran clientes do seu comercio da Corredera. E ?dixo? por outras cousas máis... Volvendo ao noso tema, fixemos a devandita mostra filatélica, a primeira de máis de corenta que levamos xa desde case cincuenta anos de andadura, nas instalacións do Club Náutico San Telmo, cuxo presidente era o xa citado Pepiño González, mostra que para aqueles tempos fora a admiración de propios e estraños. Infortunadamente, unha reunión extraordinaria, nas mesmas datas, da Real Academia Galega da que era membro, impedíronlle formar parte do dito xurado, o que lamentou moi sinceramente, delegando en Manolo Lago a súa representación e ofreceunos o máximo apoio á nosa recente nacida asociación. Por aqueles anos a Filatelia era ao que máis se dedicaban os coleccionistas, a chamada PreFilatelia (cartas sen selos xa que estes comezaran a súa andadura anos máis tarde), as coleccións de selos facíanse por países, as marcas postais ou mataselos, dentados, erros, etc. etc., e así eran postos nos álbumes, selos que hoxe en día teñen moitos deles un elevado valor. E a partir de mediados do pasado século, cando comezan na Filatelia as coleccións temáticas, feito motivado pola excesiva proliferación de países emisores de selos e os prezos das primeiras emisións dos países chamados clásicos. E entramos na Filatelia moderna. Selos dedicados a flores, barcos, literarios, menciña, animais, trens, monumentos, etc. onde a figura representada é obxecto dun fondo estudo que fica reproducido ao pé de cada selo e posto no correspondente álbum. Eu, que son amante das viaxes, a Arte e a Historia, decidinme polos anos cincuenta por un tema non moi en boga naqueles intres, pero hoxe dunha palpitante actualidade. Leva por título ?Camiño de Santiago Patrimonio da Humanidade? e con el, sen saír da miña mesa de traballo, tiven un maior coñecemento sobre os diferentes camiños que levan a Compostela, a historia de pequenas vilas medievais, as súas xentes, as súas casas brasonadas sobre os pórticos das fachadas, rolos xusticeiros, igrexas románicas, pontes, fermosos pazos que enfeitizan ao longo dos camiños, Xaca, Logroño, Santo Domingo da Calzada, Burgos, León, Astorga, Oviedo, Lugo, Santiago de Compostela... por soamente citar algunhas. E non me esquezo da nosa catedral de Tui, punto de partida do verdadeiro e xenuíno Camiño Portugués a Santiago, agora que saen camiños por todas as partes. Por certo que dous selos dedicados a Tui: a Ponte vella de ferro e a Catedral, os comezos en Galicia deste Camiño, son os únicos selos que Correos dedicou a Tui, despois de 150 anos de selos emitidos en España. O noso grupo tivo moito que ver con iso. Ben entendeu a Filatelia temática don Xosé María cando puxo os textos aos selos, modernos naquel tempo, no libro que no ano 1963, coa colaboración do antes dito Manolo Lago, outro coleccionista temático cuxos selos de cabalos foron premiados no mundo enteiro, editou na editorial La Corneta, de Barcelona, un libro escrito en castelán. O referido libro leva o título de Presencia de Galicia en los sellos, e ao facer referencia ao selo número 1033 de España dedicado ao rei Fernando III o Santo, di o seguinte:
Nº 369 210