BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
2.2.1. O tratamento da Idade Media Ao carecer de investigacións básicas sobre Vigo na Idade Media o noso autor resolveu o problema dividindo a súa narración en catro partes: na primeira, traza o perfil urbano de Vigo asentado en dúas zonas illadas: nas abas do Castro, onde se erguería o castelo do Penso, e na praia do Areal, base principal do comercio e da industria, cuxa poboación se refuxiaría no Castro en caso de ataques por mar. Na segunda estuda os trobadores da ría, tema que o fascinaba38. Na terceira, recolleu todas as referencias que puido atopar sobre documentación medieval referida a Vigo dende o ano 915 ata 1497, en total 52 documentos dos que elabora unha ficha cos principais contidos de cada un deles. Finalmente, e para cubrir a Baixa Idade Media utiliza unha crónica que atopou de finais do século XVI, copiada no século XVII, da familia dos Pazos de Probén. O estilo literario da crónica permitiulle unha recreación máis literaria que histórica pola que deambulan os Alonso de Figueroa, señor de Pazos de Probén, o señor de Valadares, Tristán de Montenegro e, por suposto, o conde da Camiña, Pero Álvarez de Soutomaior, é dicir, D. Pedro Madruga, quen entre devastacións e incendios non dubida en mandar queimar un ?cofre lleno de libros y papeles antiguos de mucho valor que el obispo de Osuna, D. Rodrigo de Pazos de Probén había ayuntado de las iglesias y archivos de Galicia?. 2.2.2. O tratamento do século XIX X. M.ª Álvarez Blázquez era un gran coñecedor do século XIX vigués. A lectura dos xornais vigueses e dos libros e folletos referidos a Vigo permitíronlle ter unha idea moi exacta do proceso de crecemento da cidade unha vez que racha coas cinchas das murallas que a aprisionaban. Nos seus cadernos ou na súa memoria ía anotando este crecemento e coñecía de primeira man as soldaduras que deixaba a nova arquitectura e o novo urbanismo no plan da cidade. E as unións ou soldaduras eran precisamente as que lle permitían ao autor describir cunha extraordinaria precisión o antes e o despois da modernización de Vigo. No libro Vigo en su historia aproximouse ao século XIX dende tres perspectivas: a través da historia social e política39, a través da historia do xornalismo40 e a través da final nómina de escritores vigueses41 na que aparecen 119 personalidades, das que o 90% pertencían ao século XIX. O gran reparo que se lle pode facer a esta historia de Vigo é que concluíra no ano 1900, furtándolles aos lectores todo o século XX: as loitas políticas e sindicais, a ditadura de Primo de Rivera, a República, a Guerra Civil e o franquismo. É coma se cun coitelo se cortase o proceso histórico da cidade, que queda así inconcluso e inexplicable. E non esquezamos que X. M.ª Álvarez Blázquez foi o arquitecto desta obra, foi quen a soñou e quen a fixo posible. Correspóndelle, pois, unha responsabilidade que tratamos de explicar.
Nº 369 74