Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
2.2. VIGO EN SU HISTORIA Era moi consciente X. M.ª Álvarez Blázquez de que a súa obra La ciudad y los días só era un feixe lampos de luz sobre miles de anos de supervivencia dunha poboación que fixera historia e tiña historia pero que ninguén ou moi poucos coñecían en forma lineal e mediante unha construción que abranguera os diversos períodos. Tamén era consciente de que, polo que fora, a investigación histórica só afrontara reducidas parcelas, e a maior parte do proceso histórico estaba baldío. Estas e outras cavilacións sobre a historia da cidade de Vigo levárono a publicar unha serie de oito artigos co título de ?Cartas a mis hijos en torno a la historia de Vigo?37. Estábase fraguando na mente de X.ª M. Álvarez Blázquez a confección dunha historia para a cidade. Aproveitando o centenario da Caixa de Aforros Municipal de Vigo e a mediación eficaz do académico Franco Grande, xefe dos servizos xurídicos desta entidade e persoa moi sensible á historia, X. M.ª Álvarez Blázquez ?co honorífico apoio de Álvaro Cunqueiro? encetou a preparación dunha obra que enchera este baleiro. Atopouse coa realidade: só estaba investigado o período da Idade Moderna (demografía e economía) grazas á tese de doutoramento da profesora González Muñoz, todo o demais tiña que ser elaborado aproveitando as investigacións que, con diferentes motivos, fixeran outros autores. Reservou para si X. M.ª Álvarez Blázquez, ademais da coordinación de todo o libro, a Idade Media, porque non atopou ninguén que a investigara, o século XIX, a prensa periódica de Vigo e a nómina de escritores vigueses. Encomendoulle ao profesor Fernando Acuña Castroviejo o estudo do período antigo, á profesora González Muñoz a Idade Moderna ata o século XVIII. Este século foi tratado polo grande investigador Antonio Meijide Pardo, na súa parte económica. Por certo, nunca entendín como Meijide Pardo, que era un intelectual tan libre, que xamais quixera comprometerse con ningún proxecto que marcara o seu calendario de traballo, aceptou este encargo. Moita debía ser a afinidade con X. M.ª Álvarez Blázquez. Odriozola, o mellor investigador da imprenta galega, estudou coa súa habitual mestría a imprenta en Vigo. Finalmente, o arquitecto Xosé Luís Pereiro trazou a evolución do urbanismo vigués contemporáneo e Arturo Conde e Gabriel Santos estudaron a arquitectura viguesa ata 1936. Tamén o libro contou coa achega do profesor Bango Torviso, que estudou as igrexas románicas da comarca de Vigo. O libro Vigo en su historia foi, no seu conxunto, e á marxe das limitacións a que nos referiremos máis adiante, unha grande obra que honra a cidade. Interésanos agora destacar a participación do noso autor nesta obra.
73
Nº 369