BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
dicir, X. M.ª Álvarez Blázquez comprendeu que se impoñía a necesidade de tratar a historia de Vigo no seu conxunto. O que para X. M.ª Álvarez Blázquez constitúe o ?espírito? da cidade de Vigo, o seu sinal de identidade é o seu ?ímpetu creador?30, que foi unha constante na súa historia, porque
[...] la ciudad ha sabido establecer una escala de valores, en la que el primer peldaño se afirma en su capacidad tesorera de laborar, en su afán permanente de subir más alto, en su decidida voluntad de ser. 31
Pasan as pestes e as invasións e os vigueses volven ao traballo ?porque era preciso recuperar el pulso normal?. Homes e mar son a ?razón generatriz de Vigo?, porque a vida viguesa ?no termina en los muelles, sino que se prolonga sobre las aguas hacia todos los pueblos de la ría, forjando una cabal unidad económicosocial?32. No ano 1960 publica a súa primeira grande achega á historia desta cidade: La ciudad y los días33. Día a día e mes a mes aparecen nesta obra os máis importantes acontecementos que afectaron a Vigo. Estamos ante unha obra que require un extraordinario esforzo: resumo de libros (que habitualmente cita o autor), información hemerográfica, e noticias procedentes de arquivos públicos e privados. A confección do libro respondía a unha táctica moi pensada para evitar as poutas da censura: evitar os períodos máis convulsos (por exemplo non aparece referencia ningunha á Primeira República) e, sobre todo, evitar as referencias á Segunda República, e á Guerra Civil. Resólveo o autor pechando o período estudado en 192834 e facendo só unha incursión no ano 1934 para dar conta dunha orde do Ministerio da Mariña en que se lle concede ao enxeñeiro D. Manuel Moxó, licenza para rescatar da enseada de San Simón, os ?tesouros? de Rande35. Aínda que a obrigada contención do autor lle impide manifestar o que pensa dos acontecementos, ás veces, unha fina ironía envolve o relato e predispón o lector a facer a súa propia esexese do escrito. Se temos en conta que o texto apareceu primeiramente no xornal Faro de Vigo, xa se comprende a contención que se impuxo o autor tanto na selección das datas como no tratamento literario das mesmas. O libro tivo un evidente éxito porque lles lembraba aos vigueses ?sus glorias pretéritas, sus alegrías y duelos que muchas veces podrán tomarse como paradigmas de empresas futuras?36. É dicir, era un libro escrito para reafirmar a identidade desta cidade, e, en certa maneira, para lexitimar historicamente o seu expansionismo.
Nº 369
72