BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
1.3. OUTRAS ACHEGAS HISTÓRICAS Sen pretensión ningunha de exhaustividade, temos que referirnos a algunha outra obra que antecede ao período no que X. M.ª Álvarez Blázquez se converte no grande historiador da cidade. Con máis paixón que información apareceu no ano 1878, dous anos despois de morrer o autor, a obra Monografías de Vigo de Teodosio Vesteiro Torres. Para nós é un misterio a fama e o éxito obtido por este autor, de sempre considerado como un grande historiador e un valioso crítico galego. A lectura das súas obras non avala tales xuízos, como no seu día xa denunciara Murguía. A obra citada, que era unha especie de homenaxe de Vesteiro á cidade onde nacera, non engade nada novo ao que xa era sobradamente coñecido. Na posguerra destacou a obra do farmacéutico e cronista oficial de Vigo José Espinosa de los Monteros y Rodríguez, ou José Espinosa Rodríguez que é como ás veces reduciu o seu heráldico apelido. No ano 1938 publicou en Santiago Casas y cosas del Valle Miñor, en 1944 Bouzas e no mesmo ano El Valle de la Louriña: Bosquejo histórico23, e finalmente, no ano 1949 aparece o libro Tierra de Fragoso. Notas para la historia de Vigo y su comarca24. Esta obra non ten a pretensión de ser unha historia da cidade, senón que responde exactamente ao subtítulo ?Notas para una historia de Vigo?, pero detense e estuda cuestións que habitualmente se marxinan, como a aristocracia de Vigo e a comarca, os templos e comunidades relixiosas e fai tamén un demorado estudo sobre a Guerra de Independencia en Vigo25. Estamos, pois, ante unha obra interesante, que fornece unha abondosa información pero que non é, nin o pretendeu, unha historia da cidade de Vigo. 2. AS ACHEGAS DE X. M.ª ÁLVAREZ BLÁZQUEZ Á HISTORIA DE VIGO O 25 de xullo de 1910? desembarcaba en Vigo C. Gasquoine Hartley (Mrs. Walter M. Gallichan). Non era unha turista, era unha escritora a quen a grande editorial londiniense Stanley Paul encomendara a publicación dun libro sobre Galicia para completar a serie de cinco libros xa publicados sobre España. Nada máis desembarcar en Vigo quedou sorprendida por dúas cousas: o traballo da xente e o optimismo da súa poboación:
More than any town in Spain it has the aspect of a place where the work of the people is carried on with happiness [...] Vigo has sunshine, flowers, a splendid harbour, vinegroves, beautiful treeshaded walks [...]. She has everything that calls her workers out into the open air, and thus gives to men and women the main part of their chances of natural felicity.26
En Vigo, di a autora, non hai paro, todos teñen traballo: ?They workerd steadily? e só atopa un home que non está afanado no traballo e que, sentado, le un xornal:
Nº 369 70