BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
manuscrito debeu de servir de base para outra copia realizada uns anos máis tarde, trasladada por un amanuense enxeñoso que engadiu 107 coplas ó final do Coloquio, por mor de completalo, e que prescindiu do Comento, substituíndoo por un breve glosario16. Isto é todo o que sabemos sobre a tradición manuscrita da peza durante o século XVIII. No século XIX, moi probablemente o texto seguiu a difundirse mediante copia manual da que é exemplo o códice G, a que máis adiante nos referiremos. Pero, como veremos, tamén pasou polos prelos, cando menos o Coloquio, en tres edicións completas. 5.1 A copia da Colección MedinaSidonia ( C) Comezaremos por realizar unhas rápidas consideracións sobre a copia da Colección MedinaSidonia (C). Ata onde puidemos apreciar, e tendo en conta que non tivemos vagar para realizar un cotexo pormenorizado, C é un traslado bastante fiel de A, aínda que na copia se apagaron algúns aspectos interesantes deste último. Ofrecemos en anexo a dúas columnas o texto das dez primeiras coplas de A e C, para que se poidan comparar nun golpe de vista. Por acaso, advírtese que o peculiar procedemento gráfico que Sarmiento ideou para sinalar a vocal elidida por encontro con outra vocal17, e que consistía en escribir a primeira por riba da liña correspondente, é substituído ora pola reposición da vocal, ora polo emprego do apóstrofe indicando a ausencia desta. Explícao o autor mesmo ó comezo do Comento: ?Que en Morrazo. por la synalefa, se debe escrivir que en Morrazo, y se debe leer quên, cerrada casi la boca para la ê. Escribi que en, poniendo la e en lugar del comun apostrophe <'>, qu'en, para que se sepa què vocal se come ò se suprime.? No trafego de A a C tamén se produciu un trastocamento moi notable no uso dos distintos tiles, o cal é relevante nos casos en que Sarmiento os empregaba para distinguir vocais medias abertas e pechadas. En nota ó comezo do Glossario, advirte: ?<ô> con boca casi cerrada // <ó> con boca muy abierta // <ê> con boca casi cerrada // <é> con boca muy abierta?18. Ese trastocamento, que se suma ós erros que comete Sarmiento na atribución do timbre aberto ou pechado á vocal tónica media de palabras como terrèo, coèllos ou arrodèos (algúns dos cales emendará no Comento19), será fonte de confusións. Xa o temía autor, como pon de manifesto na carta remisoria a Rávago: ?No ay reglas de la Orthografia Gallega; [...] y porque quando escriuí las Coplitas no puse toda la atencion posible à la Orthografia y al proprio acento de cada voz, porque las pensaba, proferia y escribia calamo disparante, tube el cuidado de rectificar en el Comento la verdadera Orthografia y el proprio acento de cada voz, porque en cada voz ponia especial atencion. Por ese motivo no es facil que todo Gallego, y menos aun Castellano alguno, pueda hacer copia exacta de mis 15 pliegos?20 (pro ms., véxase ed. facsímile). Pensado faise eco do asunto no prólogo da súa edición:
?Grave problema es el de la reproducción de los acentos ya que en muchos casos están evidentemente alterados, y en otros la reproducción de los mismos es tan ambigua que no se puede saber con certeza si se trata de un acento agudo o circunflejo?21.
Nº 363 102