BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
an noticias anteriores deste que puidesen dar a mínima pista do seu paradoiro; (2) Os fondos manuscritos da Biblioteca Nacional estaban (estano aínda hoxe) pendentes dunha catalogación sistemática e nas debidas condicións; (3) O título que se lle asignou ó códice no momento da súa encadernación é, como dixemos, despistante: Glosario en que se trata del origen, antigüedad, etimologías y esplendor de la lengua gallega. Trabajado por Fr. Martín Sarmiento, benedictino entre 1745 y 1762. Este título figura na portada dun volume en papel, encadernado en pel, que mide aproximadamente 25 x 17 cms, e que contén un total de 560 páxinas de texto manuscrito, distribuídas do seguinte xeito: de primeiras, unha portada coa rúbrica que acabamos de reproducir; ó inicio, seis páxinas sen numeración orixinal (aínda que unha man posterior as numerou a lapis en romanos do I ó VI); a seguir, outras 64 páxinas numeradas en cifras arábigas (164); e por último, 490 páxinas máis, cunha numeración independente ás anteriores, tamén en cifras arábigas (1490). Tanto a portada coma a encadernación foron realizadas contra mediados do século XIX, se non máis tarde; isto é, en data moi posterior á redacción dos textos. As seis primeiras páxinas conteñen a carta remisoria do Coloquio a Francisco de Rávago, rubricada da man de Martín Sarmiento; as 64 páxinas seguintes conteñen o prefacio e o texto das Coplas; as últimas 490 o texto do Comento, todo isto sen rubricar (o cal é firme indicio de que o autor deixou incompleta a obra). En definitiva, trátase do orixinal autógrafo do texto que nos interesa, como logo teremos ocasión de demostrar. Non será improcedente explicar, en poucas palabras, como chegamos á localización desta peza senlleira da nosa historia lingüística. O relato comeza coa posta en marcha do 'Proxecto Sarmiento' de edición das obras do noso sabio, de que xa falamos máis arriba. Perante a constatación das grandes lagoas canto ó coñecemento dos fondos sarmentinos existentes en arquivos e bibliotecas de toda a península, tomouse a decisión de emprender, como inescusable labor preliminar, un inventario deses fondos. A tarefa iniciouse xustamente na Biblioteca Nacional de Madrid, que sabiamos tan rica neles como insuficientemente pescudada. Como guía para internarnos nos procelosos mares dos seus fondos manuscritos, seguimos a Bibliografía de autores españoles del siglo XVIII, repertorio excelente aínda coas súas pequenas chatas e imprecisións11. Alí, no apartado correspondente a M. Sarmiento, atópanse rótulos tan xenéricos como ?Obras varias? (ms. 7170) ou ?Papeles históricos y literarios? (ms. 5551), que reclamaban unha revisión minuciosa dos seus contidos. E tamén se atopan títulos coma Glosario en que se trata del origen, antigüedad, etimologías y esplendor de la lengua gallega que chaman a atención de calquera coñecedor, mesmo superficial, da obra filolóxica do noso erudito. É de sinalar que na bibliografía de Aguilar Piñal este escrito, contrariamente co que acontece con outros (tal La Educacion de la Juventud ou o Catálogo de los pliegos), non vén rexistrado como autógrafo. ¿Como podemos estar seguros de que nos atopamos fronte a un autógrafo, e precisamente o orixinal, e non unha copia da man do propio autor? Canto ó primeiro, a resNº 363 98