Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
observados polo taberneiro que tamén queda cantando melancolicamente polo baixo ¡Lanchiña que vas en vela! O libro componse de dezaseis textos autónomos de variada extensión, fasquía e técnica, entre os que hai que lle dar un trato á parte, por un lado, ao primeiro deles, que cómpre considerar a xeito de introducción paratextual, dende o momento en que se imprimiu en letra cursiva12, diferenciándose así tipograficamente do resto, impreso en letra redonda; e por outro o derradeiro, que, así mesmo, hai que considerar paratextual, pois se enuncia como ?Epílogo?. Entre estes dous textos de función paratextual e que falan, o primeiro, dunha partida13 da terra e, o segundo, dun regreso a ela14, respectivamente, Avilés colocou catorce pezas prosísticas que evocan para o lector episodios, paisaxes e personaxes da historia, da xeografía e da humanidade americanas con clara intencionalidade epizadora do poboador indíxena, fronte ás crónicas clásicas de Indias, escritas as máis das veces (con algunhas excepcións, como a do honesto Bartolomé de las Casas) ao dictado dos intereses da coroa española ou dos conquistadores, cando non redactadas por estes mesmos ou por algunha pluma mercenaria colonizadora ou peninsular pertencente, por veces, a quen nin tan sequera pisou chan americano15. A introducción e mailo epílogo da Crónica de Avilés, sitúan os escenarios en Galicia: dende a rememoración dun eu escindido que recompón a historia da tribo ao xeito epizador dun Ezra Pound ou dun Saint JohnPerse, véndose a si mesmo no momento iniciático da partida esperanzada e ateigada de ilusións, levando nos ollos e na memoria toda a natureza e a cultura etnográfica da terra e do mar galegos cara á aventura por ?camiños máis anchos?, ata a arribada de volta, cansa e melancólica, do mesmo personaxe, que agora se volve Ulises Fingal, visto dende unha focalización exterior que observa aquel eu cangado das experiencias e da dureza da vida volvendo á terra pola forza irresistíbeis da saudade. Entre eses dous momentos, afastados entre si polas aventuras vividas, que tamén son penetradas de vez en cando por agullas de saudade na distancia, está o mundo das Indias, das terras do Caribe e da Amazonia que el focara xa nos poemas de Cantos caucanos. Un mundo que Avilés de Taramancos evoca mediante técnicas varias, encadrelando pasaxes e situacións históricas tiradas das crónicas e das Historias de Indias documentábeis con memorias das propias experiencias (loxicamente, literaturizadas) que en conxunto proporcionan ao lector un universo espaciotemporal que, á parte de lle dar noticias máis ou menos ficcionalizadas da persoa concreta de Antón Avilés Vinagre nas súas andanzas por terras americanas, infórmao de certas realidades que tiveron lugar durante a conquista e do comportamento dos colonizadores coa xente aborixe. En ocasións, Avilés tomou anécdotas e datos transmitidos polas crónicas clásicas adaptando todo ao seu expresionismo lírico, épico ou dramático particular, prestándolles voz aos personaxes, informando de paso ao lector sobre a realidade da barbarie colonizadora ou evocando o universo iberoamericano, tan radicalmente orixinal e distinto ao que poida coñecer un lector que nunca visitase aquel continente. Así, por exemplo, o longo monólogo que,
193 Nº 364