Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
dentado e difícil percorrido, entrégao á tribo para que o crucifiquen: ?Indio traicioeiro, indio cabrón. Así entregou a quen procuraba [mediante a cruz] a salvación da súa alma?, comenta ao final do relato, en indubidábel brincadeira maliciosa, a voz narradora. Pero non reside tan só na amenidade das historias o interese do pequeno libro de Avilés, senón na compactación que foi quen de realizar o noso autor para evocar na mente do lector, espacial e temporalmente, nunhas poucas páxinas, o ámbito do Caribe, tan singular, a base de axustadas descricións da fauna, da flora e da paisaxe humana que o atravesa, entrenzando sabiamente a lingua galega cun léxico aborixe que lle presta ao estilo o suficiente exotismo para sentírmolo lonxincuo e alleo, pero tamén o suficientemente próximo gracias ao efecto de contrapeso que Avilés logrou a base da familiaridade das voces narradoras e dos personaxes, aventureiros galegos en ocasións, que chantan as historias nas dimensións humanas que a vizosísima natureza vexetal e espacial americana semella esmagar coma se dun ámbito sobrenatural e inabarcábel se tratase. Unhas descricións que Avilés realizou con recursos moi propios das ideas deitadas por el mesmo nos escasos fragmentos autopoéticos que podemos albiscar aquí e alí por entre a súa obra prosística; unha obra de urxencia, elaborada coa conciencia de chegar sempre serodiamente e con esforzo a aquilo que a outros lles vén ?máis mainiño polo tempo e a paciencia?17, como el mesmo deixou dito. Elipses, xustaposicións, enumeracións asindéticas, imaxes totalizadoras comprimidas en metáforas fugaces e surrealistas, hipérboles expresionistas, etc., como as que atopamos no relato dedicado ao Bulevar do Ron e a Andrucho, o capitán noiés do veleiro Olga (p. 41), cun elo intertextual co ?¡capitán, meu capitán!? de Walt Whitman, e mesmo o uso aforístico do arremedo convencional que se adoita facer da fala do indio, libre de artigos e de complexidades morfolóxicas, en relatos como o dedicado a explicarnos os hábitos da xaguarana negra, da cóbrega e da invasión mosquiteira (pp. 3539), con Nereo como personaxe epónimo sabedor da aventura e dos perigos selváticos, etc., todo isto dános a medida da habilidade de Avilés para contar historias dun xeito efectivo e de urxencia, á vez que para resolver sincreticamente a súa ansia de explicar o mundo galego e americano nun todo solidario coas xentes e as paisaxes, a partir da súa aldea de Taramancos, como fixera o Walt Whitman de Canto a min mesmo (Song of Myself) a partir do seu Manhattan de nacemento: un cosmos (se lle tomamos prestada a palabra a Borges18) turbulento, carnal e sensual, como o caribeño, pero tamén ansioso dunha Galicia nova onde todos os galegos dispersos se atopasen donos do seu. Hai en Obra viva unhas páxinas nas que se reproduce o discursosaúdo que Avilés pronunciou para os emigrantes en Lausana en xuño do 87. Alí, no remate, está esa idea do poeta portador da memoria de da patria toda:
Eu podía chamar a cada un de vós polo seu nome. Estou vendo a vosa casa, estou vendo a vosa nai ollando por riba do horizonte nese ollar eterno. Vós sodes, irmáns, a miña pátria. Sodes quen me da o alento para escreber e para soñar, sodes quen me da o pulo para seguir loitando por unha Galiza que sexa dona de si mesma e que un dia nos vexa ir chegando para que cada un no seu labor vaia pondo as columnas da grande casa común.
195 Nº 364