Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
das caneiras?(paspallás) para se referir ó seu canto. A segunda palabra do título (garamelo) é unha gaiola onde se ten en catividade o paxaro. Avilés usa o desvío poético e emprega a palabra frauta metaforizada para nomeala música meliflua e harmónica do canto dos paxaros, polo que o título, na súa aparente contraposición fai referencia á liberdade dos paxaros simbolicamente expresada a través do son e do voo. Estes atributos ornitolóxicos significan verticalidade, pulo ascensional na procura dese paraíso onde soa a música das esferas e a realidade ten a cor única dos soños. A frauta yo Garamelo alude pois a ese son que nos libera, a esa música interior que nos fai voar como os paxaros cara á rexión máis alta, pura e luminosa da vida. Ningún traballo estudiou a complexidade simbólica deste poemario, nin entrou nel. Nunha lectura superficial, decatámonos que todo o libro está formado por poemas dedicados a determinadas aves. Avilés escribe un fermoso libro sobre os paxaros comúns. Non atopamos nese pequeno catálogo (xirín, merlo, rula, pomba, xílgaro, paspallás, ouriolo), ningunha ave exótica nin fabulosa. Ó poeta bástanlle o canto deses humildes e libres paxaros para transcendela paisaxe da infancia en metáfora dun espacio paradisíaco. As aves dos seus poemas ademais de seren habitantes dos ceos, bosques e campos de Taramancos, son tamén habitantes desoutra rexión que o poeta carga de significacións simbólicas e remítennos máis alá da palabra, ós eidos da pura emoción para nos revelalo sentido oculto da dicción poemática. Avilés, ó tempo que define con coloristas e sorprendentes imaxes cada paxaro, dános a coñecer subpreticiamente as arelas do seu universo íntimo. A poética do imaxinario trata de descifrar a través desas imaxessímbolos as arelas e sentimentos máis ocultos da psique humana. Neste primeiro ciclo predominan as imaxes que se integran nunha poética ascensional pois a dinamicidadade do voo e o canto do paxaro connotan, na psicocrítica, unha arela de sublimación, harmonía, e beleza así como do crecemento interior e de busca dese espacio onde o ser roce case a plenitude. Latexa no seu universo poético unha volta por ocupalos lugares da felicidade, ese paraíso perdido que aínda asoma por detrás das metáforas. O paxaro simboliza esa cobiza dinámica de elevación, de sublimación. Segundo Bachelard, na figura aérea do paxaro recoñécese a aspiración psíquica á felicidade, a todo ideal que eleve o home, e o entronice nun reino pechado e íntimo onde as tebras non oculten as torres dos soños. E o libro de Avilés é unha afirmación desta poética do vitalismo:
Eu son todo paxaros, remuíños e vento
Idea reforzada a través dunha seriación asindética con outros elementos pertencentes tamén á poética ascensional coas connotacións de dozura, pureza e delirio, pois o vento pode significala dinamicidade da alma, a mobilidade na superación ou ben ese remuíño ou forza que eleva a psique cara ó ideal, cara ás inútiles e sublimes empresas do
147 Nº 364