Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
incautado) no verán de 1936, verán tamén tráxico para este instituto de investigación e cultura. Sobre o Seminario contamos cun libro moi documentado de Alfonso Mato18, quen, pese ó seu saber e ós seus afáns esclarecedores, non precisa cal foi, no fatídico verán, a actuación concreta das novas autoridades e o comportamento dos socios do Seminario que na nova situación non estaban ameazados politicamente. En 1944 a creación do Instituto de Estudios Gallegos ?Padre Sarmiento? foi unha operación política, como non podía ser doutro modo. Algo tiña que facelo franquismo que tivese unha mínima color galeguista, sobre todo nesas datas nas que os asesores máis intelixentes de Franco sabían que Hitler non ía gañala guerra, coñecedores eles do significado da victoria soviética en Stalingrado e do desembarco dos aliados en Sicilia. Aquí as cousas, créase o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, que sucede, sen continualo, ó Seminario de Estudos Galegos. Non acerta o actual director do Instituto, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, cando afirma que o Instituto é o ?sucesor real y moral? do Seminario19. Sobre este punto, convén facer memoria, e referírmonos, en primeiro lugar, ó feito, moi significativo, de que o director da nova institución foino (ata a súa morte, en 1971) Francisco Javier Sánchez Cantón, catedrático de Historia da Arte na Universidade de Madrid, cidade na que tiña outras responsabilidades, algunhas de designación política. Era, en efecto, un home de plena confianza para o Réxime, como o era toda a súa familia pontevedresa. (Sáibase que o seu irmán, o capitán de artillería Luis Sánchez Cantón, foi quen detivo no Goberno Civil de Pontevedra a Alexandre Bóveda20). O Instituto, pois, no espírito, está moi lonxe do Seminario e dos compromisos éticos e científicos que este tiña coa sociedade galega nos anos da República. Era imposible daquela, aínda que o señor Sánchez Cantón o quixese, que non o quería; por iso foi designado responsable máximo dunha institución que sucede, sen continualo, ó Seminario. Non se diga, pois, que o Instituto foi o seu sucesor real e moral. Abondaría, para non emitir este xuízo, con coñecela controversia de Sánchez Cantón con Castelao, que eu vou expoñer do xeito máis lacónico. O 20 de xullo de 1946, Castelao, cun pé xa no estribo do barco que o levaría a París como ministro do Goberno Giral, asina o ?Envío? de As cruces de pedra na Galiza, que finaliza desta maneira:
Temo que os novos eruditos de Galiza sóio xulguen este traballo en razón dos moitos escesos e defeitos que contén, esquecéndose de que sempre fun pouco amigo da cultura esterilizada. Pero, polo menos, verán que eu non son ?un artista desgraciadamente perdido para Galicia?, como acaba de sentenciar o novo timonel da erudición galega, proscribindo así o meu honrado nome. Este libro, pois, non foi escrito para quenes maldefenderon o Seminario de Estudos Galegos, nin para os que o suplantaron, pondo a nosa cultura nas fauces dun Estado devorador. Non; este libro, escrito no desterro, vai dirixido aos meus vellos compañeiros, que cicáis o reciban con alegría. Xa sei que non é unha grande cousa; pero é unha proba de miña lealdade ao Seminario e do meu amor a Galiza21.
15
Nº 363