Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
os editores do Epistolario (Consello da Cultura Galega). Interesado eu en facer unha edición facsimilar de tan importante texto, comunicáronme algúns investigadores, entre eles Antón Costa, que este manuscrito non existe na Biblioteca Xeral ou non está, polo momento, localizable. Informado do cal, consulto o Catálogo de manuscritos da Biblioteca Xeral, redactado por María Virtudes Pardo Gómez (Universidade de Santiago de Compostela, 1998), no que se le: ?Falta a carta nº 22 (28 de junio de 1758)? do Mss. 599/1, Cartas de Sarmiento (90 pezas). 4. Páxinas de Sarmiento sobre a defensa e ilustración da lingua galega Son moitas e aparecen en obras súas de moi distintas épocas. Sarmiento era moi consciente de que defendía e gababa un idioma que, fóra e dentro de Galicia, era subestimado, un idioma, por outra parte, non empregado na escrita desde había séculos, salvo en pouquísimas excepcións. De aí, os seus esforzos en descubrir e acentuar ?virtudes? no galego, entre elas a proximidade ó latín ou a carencia de arabismos, punto este no que esaxeraba un pouco. Recentemente Henrique Monteagudo recolleu e organizou, en traducción galega, estes e outros textos nun corpus moi útil13. Quizais o que máis lle doe a Sarmiento é o silencio das musas vernáculas durante séculos: sen literatura galega no XVIII, no XVII, no XVI... ¿E na Idade Media? Sarmiento, erudito como poucos, fixo esforzos como ninguén para descubrir algún monumento literario no noso idioma. Ningún dos tres Cancioneiros profanos fora editado, fraga lírica da que o noso erudito non tiña noticia. E así as cousas, un bo día ?un día marabiloso para el? bate coa Carta Prohemio do Marqués de Santillana, que el transcribe, alborozado, nos parágrafos que lle (nos) interesaban, entre outros, este: ?... no ha mucho tiempo, qualesquier Decidores o Trobadores de estas partes, agora fuesen Castellanos, Andaluces o de la Estremadura, todas sus obras componían en Lengua Gallega o Portuguesa?. Léanse, completos, os parágrafos 368 e 369 das Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles, libro de 1745 que Menéndez Pelayo considerou como ?el primer ensayo formal sobre los orígenes de nuestra poesía?14. Máis adiante, no parágrafo 452, o deslumbrado lector de Santillana láiase nestes termos: ?Yo, como interesado en esta conclusión, por ser gallego, quisiera tener presentes los fundamentos que tuvo el Marqués de Santillana, pero en ningún autor de los que he visto se halla palabra que pueda servir de luz?. O eruditísimo patriota morreu sen ter nas súas mans textos de Mendiño, Airas Nunes ou Pero Meogo, pero, no seu afán de defender e ilustrar, velis nolis, a lingua galega, é capaz de escribir, anos despois: ?Noten este precioso pasaje de un docto Marqués y castellano del siglo XV. Los castellanos que hoy desprecian la lengua y poesía gallega y los gallegos que huyen y aborrecen hablar gallego y metrificar en esa lengua nativa por despreciarse a sí mismos, en tanto grado, continúa el Marqués, que no ha mucho tiempo... Apostaré que no habrá gallego que sepa este precioso y antiquísimo anécdoto?15.
13 Nº 363