Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
lógico de la lengua gallega, non inédita daquela. Editárase en 1923, en Tui, como folletín de La Integridad, edición, certamente, pouco asequible8. No Onomástico abundan os parágrafos sobre esta insólita reivindicación, algúns tan claros como o 79, onde Sarmiento afirma, sen rodeos, que ós nenos galegos hai que ensinárllelo latín usando só a lingua galega. ¿Quen, entre os ilustrados do XVIII, reivindicou, para aprendelo latín, o uso dun vulgar non ilustre? O documentado libro de Lázaro Carreter non consigna ningún outro nome, indicio significativo. Un especialista nestes temas, Ramón Mariño Paz, precisa que ?a proposta de Sarmiento era literalmente revolucionaria?, dito o cal aclara:
Salvo algunha ilustre excepción coma a de Jovellanos, que, preso no castelo de Bellver, observou que os nenos mallorquinos non daban asimilado o que lles intentaban aprendelos seus mestres porque llelo ensinaban en castelán e non en catalán, ninguén se situou na liña marcada polo P. Sarmiento. A norma foi a preconizada por Mayans9.
En efecto, Sarmiento non está totalmente só, como aclara ?el o primeiro? Mariño Paz, pero conviría ter en conta que, nun territorio específico, o de Cataluña, non escasean, no seu discurso metalingüístico, obras nas que se afirma que o catalán debe sela lingua escolar dos nenos. Algunhas son claras xa no título como Instruccions per l'ensenyança de minyons, de Baldiri Rexach (1749). Certamente, Cataluña era diferente, moi diferente. Non se esqueza ?se se compara coa Galicia de Sarmiento? que o catalán, lingua escolar poucos anos antes, tiña, daquela, unha certa presencia na escrita e era falado, en boa parte, polas clases acomodadas e dirixentes. De tódolos xeitos, o que en Jovellanos é unha observación de pasada, en Sarmiento é unha especie de cruzada pedagóxica, cruzada, por outra parte, a favor da súa lingua natal e infantil, aquela en que non foi escolarizado. De aí a paixón, paixón ausente en Jovellanos. Sáibase que Jovellanos, asturiano, nunca se manifestou a favor do bable, polo que algunha vez se interesou como erudito, asunto estudiado, xa hai tempo, por Ángel del Río10. 3. Máis sobre esta singularidade: a carta, de 1758, sobre a educación de Alonsiño O 28 de xuño dese ano, Sarmiento escribe ó seu irmán Francisco Javier, que vive en Pontevedra, unha carta que constitúe, sen dúbida, un documento pedagóxico, ademais de insólito, de moi alto valor. Velaquí o que cómpre reter neste noso traballo: a) ?Celebro que Alonsiño y Matildiña vayan saliendo aguditos para maldita la cosa. Es preciso no aterrar a Alonsiño con castigos ni espiritarle con la Compaña y otros espantajos. Cariño, premio y emulación han de ser sus atractivos y, sobre todo, ciencia y claridad y arte en enseñarle, pues tengo evidencia que hay mucha falta de eso en España. Ahora que está niño, haz que le saquen a pasear y que vea objetos nuevos y espectables.? b) ?Y quiero que se le enseñe la lengua gallega con especial cuidado, además de lo que deba charlatear con los otros niños. No pienses en que castellanice hasta que sepa bien y con extensión el Gallego.?
11 Nº 363