Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Figura 13. Enxoval funerario metálico da cista de Atios. Museo Quiñones de León de Vigo.
O PIONEIRO DO PALEOLÍTICO GALEGO O feito de deixar para o final as investigacións de Álvarez Blázquez sobre o Paleolítico non foi casual. Entre todas as facetas da investigación arqueolóxica de Álvarez Blázquez, a do Paleolítico é a que destaca por riba das demais, ben pola súa especial querenza por este período da Historia da Humanidade, ben pola transcendencia que tiveron estes estudos no contexto da historiografía arqueolóxica galega. Deste xeito, podemos afirmar que Álvarez Blázquez inaugura os estudos modernos neste eido no País. A súa relación con este ?mundo? remóntase á súa xuventude. Xa dende a súa época en Tui, sentía un especial interese, sen dúbida inhalado pola propia paixón de Fernández Costas, que xa traballara nas coñecidas estacións de Camposancos na Guarda. Este gusto, polo coñecemento das pegadas máis antigas da presenza humana, duraralle o resto da vida, xa que na compaña de amigos como Eliseo Alonso, Antonio Fernández, e especialmente de Pedro Díaz, agrandará as ansias por coñecer estes antigos poboadores. Se lugar a dúbidas, Tui e a súa comarca eran o lugar idóneo para achegarse a este período, xa que a día de hoxe a conca do Miño é a área que agacha a maior e mellor concentración de xacementos paleolíticos do NW peninsular. Xa nos seus primeiros escritos sobre arqueoloxía confirmamos como unha boa parte dos materiais recuperados daquela eran útiles tallados, moitos deles de cronoloxía paleolítica. De feito, unha importante parte desta colección será, tempo despois, a base do seu primeiro gran traballo sobre o paleolítico.
179 Nº 369