BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Vida oficial da RAG
nos, ou simplemente para confortarnos. Isto facíao, como ben saben os que o coñeceron, dunha maneira natural e irremediablemente xenerosa, e con calquera que se achegase a el, pois o Manuel era constitucionalmente incapaz de facer aquilo que na Epístola de Santiago se chama personarum acceptio, ou distinción entre as persoas pola súa importancia aparente: unha das máis fermosas entre as súas innumerables virtudes era a de ter a igualdade non só como unha crenza senón como unha actitude íntima inconsciente. Outra das actividades patrióticas máis importantes de Manuel María foi o seu labor como editor heroico. Xa mencionamos a revista Xistral que fundou en 1949, e que lle custou unha grave creba económica. Pouco despois, ás escondidas do severo tío cura que pagara a débeda, emprendeu con Ánxel Johán a colección de poesía do mesmo nome, que entre 1952 e 1955 publicaría seis pequenos volumes en tiradas minúsculas, pero importantes coma estrelas na negrura da época. Ningún foi da súa autoría: eran de Carballo Calero, de Ramón Cabanillas, de Casado Nieto, e os primeiros libros en galego de Luz Pozo Garza e de Pura Vázquez... Xa independizado e en Monforte, e tamén baixo o nome amado de Ediciós Xistral, que inventara Pimentel, creou a Colección Val de Lemos, inaugurada en 1968 cun libro de versos de Lois Diéguez. No panorama editorial daqueles anos, no que Galaxia tiña as súas opcións e Castrelos e as Ediciós do Castro non publicaban poesía nova, Val de Lemos encargouse dalgúns libros que doutro xeito terían difícil edición. A colección chegaría ó número 12, e publicaría títulos do propio Manuel María, de Celso Emilio Ferreiro, de Neira Vilas e de Bernardino Graña, e os primeiros poemarios de Margarita Ledo Andión, de Fiz Vergara Vilariño ou de quen isto lembra con saudade. Baixo o selo EdigsaXistral saíron ademais a maior parte dos discos da Nova Canción Galega. A disciplinada militancia partidaria tivo para Manuel María consecuencias graves; mais non nos referiremos á represión, nin ás desastrosas influencias das loitas internas do nacionalismo nalgunhas relacións persoais moi fondas, nin ós sucesos que en certas épocas lle fixeron difícil a vida laboral e social en Monforte, senón ás consecuencias para a imaxe pública do escritor. Durante bastantes anos, a súa condición case que de ?poeta oficial? da UPG, e das organizacións políticas, culturais ou sociais que a UPG inspiraba, fixo que moitos escritores e críticos menosprezaran a súa obra, que probablemente non se molestaran, polo menos nalgúns casos, en ler a fondo e sen prexuízos. Cremos que nunha obra tan extensa ten que haber, case por forza, momentos pouco felices: é o que tamén sucede en Cabanillas, ou, por irmos máis lonxe, en Pablo Neruda. Pero a lectura do conxunto da poesía do Manuel deixa, por riba de caídas ou imperfeccións puntuais, a sensación do xenio torrencial e multiforme que se substancia nun corpus esencial moi amplo destinado a permanecer como un dos cumes da nosa literatura nacional. Nos últimos anos da súa vida, felizmente para os seus amigos, as críticas acerbas ou negacións sectarias deixaron paso a esta verdade, que se foi impoñendo case universalmente. A edición da súa poesía completa en dous grosos volumes impresos no 2001 confirmou visiblemente o Manuel como un dos grandes poetas galegos de todos os tempos. A súa narrativa, aínda sendo menor, non carece de interese, e na súa obra dramática hai moitas pezas de extraordinaria beleza. De porparte, a súa extensísima obra xornalística merecería a fortuna editorial póstuma que tivo a de Otero Pedrayo ou a de Cunqueiro: variada e amena, intelixente e cordial, constitúe unha crónica preciosa da cultura galega, no sentido máis amplo, durante medio século, e especialmente nos tres últimos decenios. O recoñecemento xeral, as homenaxes máis calorosas, chegáronlle ó final do seu camiño, na Terra Chá, onde a súa figura é case mítica, e en toda Galiza. Despois dunha longa relación de amor e desamores puntuais coa Real Academia Galega, foi elixido membro numerario, e ingresou nela en xunta extraordinaria pública e solemne celebrada en Vilalba o 15 de febreiro do ano 2003, cunha asistencia multitudinaria. Contestoulle en nome da Academia o seu vello amigo e camarada Xosé Luís Méndez Ferrín, curando así definitivamente outras feridas que as terribles asperezas do combate político tiñan aberto noutro tempo. Manuel María foi un home dunha gran bondade, que certamente non excluía estoupidos de cólera, case queremos dicir de ira sagrada, cando vía agredidas as súas máis firmes conviccións. Esta bondade derivaba dun amor irremediable polas persoas, un amor nada abstracto que o empurraba cara á comprensión afectuosa, cara á compaixón, cara á tenrura e a suavidade. Nas moitísimas horas e días que tivemos a felicidade de compartir con el, ficamos especialmente marabillados por dúas das máis atractivas particularidades do seu carácter: unha curiosidade cordial e agarimosa pola vida de todas as persoas que coñecía, e unha capacidade case milagrosa de conversar e facerse querer polos que el chamaba ?toliños?, os diminuídos psíquicos que adoraban aquel señor tan intelixente que os trataba de igual a igual, e non por deliberación, senón dun xeito que lle era natural e espontáneo. A primeira destas virtudes fala ben da bondade que dixemos; a segunda parécenos que é propia xa desa nobreza radical e indefinible que ás veces se chama santidade. Escribimos estas liñas interrompendo a escritura do discurso co que nos dispoñemos a tomar posesión da cadeira que Manuel María deixou vacante na Academia, para a cal as señoras e señores académicos seus colegas tiveron a grande e delicada xenerosidade de elixir este seu discípulo, outorgándonos
Nº 366
426