Vida oficial da RAG
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Tamén como narrador tiña percorrido Manuel María un bo treito de camiño en 1970. Xa en 1952, un ano despois de A xente da Barreira de Carballo Calero e un ano antes de Á lus do candil de Fole, publicara un libro de relatos, Contos en cuarto crecente e outras prosas, que comparte con Muiñeiro de brétemas condición auroral: é o primeiro libro de narrativa en galego publicado por un escritor xurdido despois da guerra. Algúns destes relatos publicáranse xa antes no terceiro caderno da Colección Grial. Bastante máis tarde xa, nos números 9 (1965) e 14 (1966) de Grial transformada en revista, sairían dúas noveliñas curtas, As augas van caudales e Os alugados, ambas e dúas, e sobre todo a primeira, portadoras de dura denuncia social e política. Manuel María seguiu practicando a narrativa toda a súa vida, aínda que sempre nun segundo plano. Se non nos trabucamos, tamén foi Manuel María, se non o primeiro, un dos primeiros autores novos en publicar unha obra teatral despois da guerra: o breve Auto do mariñeiro, de estirpe gilvicentina, saíu na revista 4 Ventos de Braga en 1957, con separata, o mesmo ano que foi impresa a obra de maior empeño de Franco Grande Vieiro choído. Seguirían o Auto do labrego e o Auto do mariñeiro en 1961, e en 1968 unha peza máis longa, Barriga verde, destinada a unha gran fortuna. Se a narrativa foi sempre secundaria para o Manuel, o teatro seguiu estando sempre no centro do seu interese, tanto o escrito intencionalmente para nenos como as farsas longas e as obras de carácter épico con que contribuíu, dun xeito talvez aínda mal recoñecido, ó corpus do teatro nacional. Como tradutor, cumpriu tamén coa tarefa de espallar o teatro galego fóra das nosas fronteiras facendo a versión castelá d'Os vellos non deben de namorarse que publicou a prestixiosa revista Primer Acto en 1970, nun número especial. Deixando á parte o seu intenso labor xornalístico, Manuel María publicou desde cedo importantes estudos críticos e literarios, como as Notas encol da poesía de Fermín BouzaBrei, en 1958, neste mesmo Boletín que agora tingue de loito o seu nome; A poesía galega de Celso Emilio Ferreiro, no núm. 6 de Grial (1967); Raimon, poeta do noso tempo, en Grial, núm. 18; ou a extensa e fundamental Noticia da vida e poesía de Xosé Crecente Vega, publicada pola Faculdade de Letras da Universidade de Coimbra en 1968. Se insistimos tanto no 1970 como data é porque á altura dos seus corenta anos, e despois de vinte de traballo literario, Manuel María xa tiña unha obra ampla e variadísima que o consagraba como un grande escritor e como un auténtico poeta nacional, e tamén porque a inmensa actividade que desenvolveu, mesmo con máis intensidade aínda, nos trinta e cinco anos que lle quedaban de vida fai imposible para nós calquera resumo. Unha simple enumeración da súa obra excedería os límites naturais destas páxinas, e impediríanos falar, sequera moi brevemente, doutros aspectos da súa entrega á causa nacional de Galiza. É natural que nos anos negros da Ditadura a actividade literaria na lingua odiada polo fascismo español se confundise coa actividade política antifranquista; é natural que as dúas se confundisen, ou se fundisen, porque ser eran en gran parte a mesma cousa. Manuel María vencellouse desde a primeira mocidade con importantes persoas republicanas e galeguistas que mantiñan aceso o lume sagrado e o transmitían, cada cal á súa maneira, á mocidade: Ánxel Johán, Luís Pimentel, Ánxel Fole, Carballo Calero, Celestino Fernández de la Vega en Lugo; GarcíaSabell, BouzaBrey, Borobó, Piñeiro, Maside, o mestre patriarcal Otero en Santiago. Non obstante, unha vez cumprida a súa primeira formación, os novos voan xa pola súa conta: son o Antón Moreda, o Ferrín, o Reimundo Patiño, a Queizán, o Bautista Álvarez, o Bodaño, o Fontenla, o Franco Grande, o Cribeiro, o Arxona... Pero o Consello da Mocidade rachou dolorosamente, e Manuel María, como é ben sabido, acabou rompendo radicalmente con Piñeiro e o piñeirismo, e ó fundarse a UPG ingresou nela. A súa actividade política, desenvolvida fundamentalmente no eido cultural, produciuse dentro da órbita deste partido, non só ata 1985, ano en que se deu de baixa formalmente, senón tamén despois até a súa morte. Manuel María foi primeiro unha das principais referencias culturais da UPG, e a partir das dolorosas escisións e purgas que culminaron en 1977, a referencia principal sen máis do que seguiu chamándose UPG e ANPG, do BNPG e do novo BNG. O seu activismo cultural foi enorme desde os anos 60, participando en centos de xuntanzas, clandestinas ou non, pronunciando conferencias e dando recitais, dentro do vasto sistema de axitación, propaganda e captación política a través das inquedanzas culturais que se denominou Frente Cultural Galego, composto por unha constelación de asociacións e grupos informais espallados por toda Galiza e polos centros máis importantes da emigración. Así, no franquismo e no postfranquismo, Manuel María foi unha das máis brillantes e sedutoras bandeiras de enganche do nacionalismo. Viaxeiro incansable, a bandeira ondeou por todas as cidades e vilas e por centos de aldeas do país que percorría e esculcaba con amor inmenso, e tamén polas terras de América e de Europa onde a nosa xente se espallaba. Centos de homes e mulleres, de mozas e de mozos, escoitábanlle ó Manuel falar de Galiza, do seu pobo e da súa lingua, da súa historia e da súa cultura, dos seus problemas e das súas aspiracións, e sentían dentro de si medrar e levedar o amor patrio que os levaría á militancia, partidaria ou non partidaria, polas cousas de nós. O seu maxisterio, por outra banda, non só se producía na tribuna formal, senón tamén, e moi principalmente, na conversación persoal. Centos ou milleiros de persoas temos acudido a Manuel María como a un mestre bo e paciente que cunha prodigalidade incrible nos facía o agasallo do seu tempo para ilustrarnos, para guiar
425
Nº 366