BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Vida oficial da RAG
tencialista, encadrables tamén na ben chamada Escola da Tebra: Morrendo a cada intre (1952) e Advento (1954). O terrible Libro de pregos, talvez o libro de poesía relixiosa máis estremecedor e angustioso da nosa Literatura, escribiuno en 1951, inducido pola morte tráxica de seu irmán Xesús; mais non quixo que se editase ata 1962 por respecto a seu tío crego, que lle pediu que non o publicase en vida del. Pero o pulo poético de Manuel María foi o máis multiforme das nosas letras, e desde moi axiña percorreu variadas vereas con radical autenticidade. En 1954 publicou a primeira versión do Terra Chá, libro que se ten inserido con excesiva lixeireza ?e con excesiva modestia polo seu autor? na escola de Noriega Varela e Crecente Vega, estimables poetas, ó noso parecer sobre todo o segundo, pero que non alcanzan a fonda visión humana da terra nativa deste noso que, con outra simplificación ben intencionada, ten sido e é chamado ?o poeta da Terra Chá?. Libro paralelo a Os eidos de Novoneyra ?procedentes os dous, polo menos en semente, da súa camaradaxe no campamento militar de Parga?, o esqueleto esencial do Terra Chá, aínda sendo distinto, é lexítimo irmán do que informa o poemario do courelao. En 1958 apareceu Documentos personaes, breve libro de procurado prosaísmo que en boa parte anuncia o espírito de denuncia social do Longa noite de pedra de Celso Emilio, publicado catro anos despois e saudado polo Manuel con entusiasmo: ?un libro excepcional?, titulaba a súa recensión. Un dos poemas dos Documentos..., o titulado Gacetilla Literaria, é un conciso e agora melancólico retrato da difícil empresa de restauración das letras galegas, no que entre outros son citados os seus compañeiros de xeración: Cuña Novás, Novoneyra, Luz Pozo, Xohana Torres, Mourullo, Ferrín, Franco Grande, Ramón Lorenzo... Nesta altura, Manuel María abandonara xa o bilingüismo inicial para practicar durante toda a súa vida unha rigorosa fidelidade á lingua patria. Séxanos lícito lembrar aquí que a segunda edición de Documentos personaes, feita en 1970, leva un pequeno e inepto limiar de quen isto escribe... En 1963 sae á luz Mar maior, libro de longa elaboración, moitos de cuxos poemas foran publicados xa en xornais e revistas. Trátase dun libro maior da nosa poesía, no que conflúen varios dos ríos líricos do Manuel María, e contén algúns dos seus máis fermosos poemas, entre eles a Carta a Luís Pimentel, suave e conmovida elexía candidata á eternidade. Unha mestura de militancia cultural, de amor polos nenos que non tivo de seu e de xenio poético lanzal e cantareiro informan Os soños na gaiola (1968), que se mantén como unha xoia senlleira da poesía escrita para nenos, unha das máis fermosas ?se non a máis? da lingua galega. Proba documental (1968) continúa e afonda na liña de denuncia social iniciada en Documentos personaes; pero son outros dous libros, publicados os dous en 1969, e naturalmente por editoras de Buenos Aires e Montevideo, os que conteñen a máis radical poesía de denuncia que o noso poeta compuxo por aqueles anos. Versos pra un país de minifundios, prologado por Méndez Ferrín, é un libro doente en verso libre, escrito nun estilo profético que lembra Isaías, citado na carauta e tan lido e remoído polo Manuel ó longo de toda a súa vida. Versos pra cantar en feiras e romaxes é a outra cara do mesmo poeta nacional: a diatriba brutal, a desmitificación violenta, cun uso maxistral das posibilidades bufas da rima rara e do ripio macarrónico, compoñen unha imaxe cruel e estarrecente da Galiza esmagada e fea do franquismo. Na nosa opinión, a cáustica e apaixonada sátira deste libro xenial tan só se pode comparar nas nosas letras coa salvaxe beleza d'O divino sainete. En 1970 saíron do prelo as Canciós do lusco ó fusco, que estilisticamente están na mesma liña que o libro anterior, aínda que entre elas se contan tamén algúns ásperos poemas de duro lirismo persoal, nos que coidamos percibir certos ecos de François Villon, un dos poetas máis amados polo Manuel María, que fixo unha tradución del ó galego para o seu uso persoal e mais o dalgúns amigos entre os cales tivemos o gozo de contarnos. Remol, publicado tamén no ano 70 en Buenos Aires, é un libro misceláneo do tipo de Mar maior, escrito entre 1963 e 1968, que participa da poesía íntima e da poesía civil; nel figuran poemas como o marabilloso Ollos de nenos ou o celebérrimo Acuso á clase media, un dos textos máis feroces, máis eficaces e máis invocados no combate antifranquista daqueles anos. Un dos nosos máis queridos tesouros é un exemplar dese libro cunha Cantiga de amigo pró poeta D. X. C. manuscrita polo Manuel na segunda folla a modo de dedicatoria, que nunca vimos impresa. En 1969, a colección Adonais publicou en edición bilingüe unha Antología poética. Escolma poética de Manuel María, preparada por Basilio Losada. Naquela altura, os seus poemas xa figuraban en diversas antoloxías, como as preparadas por Benito Varela Jácome, Francisco Fernández del Riego, Ramón González Alegre, Basilio Losada Castro, Xesús Alonso Montero... Algúns poemas de Remol foron editados, ditos pola voz do poeta, nun disco de Edigsa/Xistral en 1968, e o Acuso á clase media e outros textos de denuncia e combate eran escoitados con entusiasmo nos medios obreiros e estudantís antifranquistas. Que este disco pasase a censura foi un verdadeiro milagre, obra xenial de Manolo Conde Ramírez, o bo toledano galeguizado, que lle fixo crer a un censor particularmente imbécil que o nome ?Manuel María? era... un pseudónimo de Afonso X o Sabio.
Nº 366
424