MANUEL MARÍA FERNÁNDEZ TEIXEIRO Darío Xohán Cabana Yanes
O día 6 de setembro do ano 2004 finou na Coruña, onde residía desde había varios anos, o poeta Manuel María, gloria das nosas letras e membro numerario da Real Academia Galega. Manuel María Fernández Teixeiro nacera o 6 de outubro de 1929 na pequena vila labrega de Outeiro de Rei, nas beiras da Terra Chá, ó carón do Miño, no seo dunha familia de agricultores podentes, a casa de Hortas, con moitas e boas terras de cultivo directo e algunhas rendas. Seu pai, Antón Fernández Núñez, foi alcalde do concello, e súa nai, Pastora Teixeiro Casanova, procedía doutra gran casa labrega, o casal de Vilanova, nunha parroquia á outra banda de Lugo, hoxe denominada oficialmente San Mamede dos Anxos, pero ata hai pouco coñecida polo fermoso chamadoiro de San Mamede dos Cucos que xa ostentaba na Idade Media. Foi Manuel María o máis vello de catro irmáns: viñeron despois Xosé María e Antón María, que lle sobreviven, e Xesús María, que morreu de accidente na adolescencia. Segundo a tradición familiar, el sería o chamado a continuar a labranza como vinculeiro, mentres seus irmáns se colocarían noutras profesións empresariais, eclesiásticas ou liberais; porén, as cousas sucederon ó revés, e Manuel María fixo o ingreso no bacharelato. Morto seu pai poucos días despois, foi vivir a Lugo con seu tío cura Xosé Fernández Núñez, párroco de San Froilán e fundador da igrexa da Milagrosa, doutor en Teoloxía e licenciado en Filosofía e Letras. Este home culto e de carácter severo marcou, con luces e sombras, a súa adolescencia e primeira xuventude. Estudou Manuel primeiro nos Maristas, e no quinto curso pasou ó Instituto. Daquela coñeceu a Uxío Novoneyra, que foi un dos seus máis grandes amigos da mesma idade, e a Luís Pimentel, Ánxel Johán, Celestino Fernández de la Vega, Ramón Piñeiro, Ánxel Fole, Aquilino Iglesia Alvariño, Rof Codina, Carballo Calero... No ambiente de resurrección cultural que latexaba en Lugo naqueles tempos, o noso poeta creou canda outro amigo novo, Manuel Antonio Sopena, a revista poética Xistral, da que só saíron dous números en 1949, pero que se cita como un fito no rexurdimento literario galego na longa noite de pedra. No ano 2000, de acordo con Manuel María, o Concello de Lugo resucitou a revista que, con maior volume e periodicidade anual, alcanza agora o número 8. No ano 1950 a benemérita colección Benito Soto publica o seu primeiro libro, Muiñeiro de brétemas: outro novo fito, este máis importante, pois era o primeiro libro en galego dun escritor xurdido despois da Guerra Civil. Desta maneira, Manuel María encabeza historicamente a que nós chamaremos Xeración dos Cincuenta, a Grande Xeración, a gloriosa constelación que puxo o seu xenio e a súa enerxía militante ó servizo da resurrección das letras galegas feridas de morte pola ditadura fascista, e que acabou de conformar a estrutura esencial do edificio da Literatura Galega moderna tal como hoxe a percibimos. Seu tío cura pretendía facelo avogado, e negouse rotundamente a facilitarlle os estudos de Filosofía e Letras que el mesmo cursara e Manuel María desexaba. Irredutibles os dous, o Manuel intentou facer a súa carreira por libre; despois contaría, cun humor non exento de pesar, como fracasara no seu empeño: «Suspendín ata en Literatura!» Entrado en quintas, Manuel coincidiu de novo no campamento de instrución de Parga co Novoneyra; pero cumpriu a maior parte do seu servizo militar en Compostela, tamén canda Novoneyra, con certa comodidade, pois foi encargado de impartir aulas ós seus compañeiros analfabetos. Alí tratou a Fermín BouzaBrey, a Cabanillas, a Borobó, a Otero Pedrayo, a GarcíaSabell, a Ramón Piñeiro e a Carlos Maside, ós que sempre lembrou con grande afecto persoal. Quizabes a súa relación máis fonda fose con Otero, e sobre todo con Carlos Maside, de quen, segundo contaba, recibiu as primeiras ideas do marxismo que o pintor profesaba. De novo en Lugo, para encarreirar a parte material da súa vida e animado por Celso Emilio Ferreiro, Manuel María empezou a facer os estudos e as prácticas para procurador dos tribunais. En 1956 coñeceu a Saleta Goi García, nacida na Pastoriza, tres anos máis nova ca el, muller de gran beleza, intelixencia e carácter. En 1958 Manuel trasladouse a Monforte de Lemos, onde colaborou na emisora local, popularmente coñecida como Radio Aquilino, e deu clases nunha academia. En 1959 matriculouse como procurador e casou coa Saleta. En Monforte viviron os dous toda a súa vida laboral, ás veces non sen penurias económicas, sobre todo até 1970, ano en que abriron a libraría Xistral, que atendeu principalmente Saleta, e que foi probablemente a mellor libraría vilega que teña habido en Galiza. Á altura de 1970, Manuel María estaba xa consagrado como unha das máis importantes figuras literarias de Galicia. A Muiñeiro de brétemas seguiran outros dous libros de poemas de carácter exis423 Nº 366