A ACHEGA DA FAMILIA ÁLVAREZ Á CULTURA GALEGA Alfonso Álvarez Cáccamo
Antes da miña intervención, desexo expresar o meu agradecemento á Real Academia Galega representada polo seu presidente Xosé Ramón Barreiro, e concretamente aos académicos Xosé Luís Axeitos, Xosé Luís Méndez Ferrín e Darío Xohán Cabana, organizadores entusiastas destas xornadas. O meu agradecemento, tamén, á Corporación Municipal do Concello de Tui, ao seu alcalde Antonio Feliciano Fernández Rocha e ao concelleiro de Cultura Moisés Rodríguez, e un especial recoñecemento ao traballo do bibliotecario municipal Rafael Sánchez Bargiela polo seu entusiasmo e bo facer ao longo de todos os eventos de homenaxe á figura de Xosé María Álvarez Blázquez celebrados na cidade de Tui ao longo do ano 2008, exemplo de cariño á nosa familia e de perfecta organización. Desde mediados do século dezanove, ao longo de todo o século vinte, e nestes primeiros anos do vinte e un, nin un só día deixou de fumegar a cheminea da fábrica literaria e artística dos Álvarez. Tamén fumegou a fábrica literaria moitas noites de doentes pero frutíferos insomnios, e non só funcionaron as engrenaxes desta maquinaria familiar en Galiza, senón en Cataluña, en España, en Cuba, en Venezuela, en Cabo Verde, en Francia, en Italia ou nos Estados Unidos de América do Norte, por citar os territorios que me veñen á mente, uns desterrados, outros destinados e outros e outras aventurados na aventura, que non sempre na ventura. Xa non andamos os Álvarez coa nosa bagaxe ás costas Antre dous séculos, seguindo o título do fermoso e decisivo poemario de Xerardo Álvarez Limeses, senón entre tres, e permanecemos unidos e traballando. Seguimos, os vivos, coa vocacional inercia da maquinaria que puxeron en marcha os nosos maiores. Seguen connosco os resistentes, os resistentes políticos, da terceira xeración: Celso García de la Riega Álvarez, de 93 anos, o noso comandante do exército republicano, recoñecido con carné que así o acredita expedido polos que pactaron a transición, a súa irmá Mercedes García de la Riega Álvarez, quen ten 94 anos e Lola Álvarez Gallego, cuñada de Alexandre Bóveda, que anda nos 99. A terceira xeración, polo de agora, foi a máis frutífera, e nela destaca coa súa luz inesquecíbel a figura sabia de Xosé María Álvarez Blázquez. Deixounos esta terceira xeración unha lembranza permanente e un legado imperecedoiro. Esta herdanza non foi unicamente transmitida mediante as páxinas escritas ou a obra artística. É algo máis transcendente, máis sutil e, de seguro, moito máis difícil de definir pois trátase do talante familiar, das constantes que nos unifican de xeito emocional, ideolóxico e conductual, unha grata impronta da que non necesitamos, nin queremos, despoxarnos, conscientes do herdo, agradecidos co
35 Nº 369