BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre María Mariño
E o mesmo libro contén uns versos clave para comprender esta mesma poética súa, unha poética sombriza de mar mouro e de noite, a do valiosísimo mundo escuro da poeta abisal que dixo con exactitude X. L. Méndez Ferrín. Son os seguintes versos, que conteñen se cadra a poética básica e esencial mariñá, unha poética mariña, que, cremos, asolaga a súa tamén fundamental poética de terra:
A fonte que en mar en min aboia Non verte en craros días o seu canto. Sabe a noite o que leva dela soia! (Mariño 1963: 86. A negriña é miña).
É esta unha móbil poética mariña do abalar nas ondas do misterio da existencia, tal como evidencia o poema autopoético co que abre Verba que comenza. Nel fica poetizado o ledo e magoado misterio do son das ondas mariñás, o seu berro caladiño teimosamente repetido contra a falta de plenitude vital:
Aquí che deixo, meu peito, aquí che deixo, aquí che deixo neste branco papel trillado, neste percuro das horas. ¿Quen eres preguntaranche, quen eres? Son a néboa que anda soia, son o sol que quenta as queixas, dos camiños son o farto, son o sono que rixe mundo que verte tempo, son o berro caladiño entre arranquebrío de sono morto. Das cousas que non se atopan tamén son, das ondas que soio van, van e van, delas son, de cando veñen e vein vindo delas son. Son o ledo daquel sono terra de sin pisadas, soio remaxe das cousas. Papel Branco, trillado, papel, berra, berra entre os fortes desde onde as miñas verbas che magoan (Mariño 1994: 147148. A negriña é miña)
O MAR DE FONDO FINAL DE NOIA E DA MAROLA Na súa última etapa courelá a autora pasaba as vacacións n'A Coruña e un dos seus máximos desexos era ir vivir todo o ano nesa cidade xunto ao mar, a onde, despois de morta a poeta, se trasladou o seu home, tal como a parella proxectara, pois María Mariño tiña unha tremenda nostalxia do mar. Esta permanente nostalxia do mar xera a sinalada poética mariña de absoluto omnipresente en toda a súa obra e que en Verba que comenza chega ao grao máximo de apoNº 368 12