Estudos e investigacións sobre María Mariño
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
E vexamos logo outro de Palabra no Tempo no que a poeta mariñea seguindo o belo dicir de Helena González, profundísima no seu non seu ?mar de fondo?, unha vez perdido o medo ao mar da existencia:
Tiven medo de bogar, tiven medo d'auga crara. Anque fora cuns bos remos anque fora na mar calma, non bogaba! non bogaba! O medo xa non sei dél. Xa secou aquel mar longo! E sin saber donde veu, si é doutro ou é meu, navego nun mar de fondo (Mariño 1963: 78. A negriña é miña)
Para rematar nos que se cadra son os versos que mellor encarnan o misterio do devalar mariño da poeta, o enigma da súa permanente procura e do seu continuo afogar no mar da vida. Uns versos que recollen o vello motivo da sede céltica, da que sabe María Lopo, e que enlazan coa esencial sede rosaliana recreada con perfecta precisión poética por Xohana Torres nas palabras que lle dedicou á autora de Follas novas no seu libro Do sulco de 1957, un libro que, por outra parte, semella ser esencial na inspiración da soidade, do silencio, de Rosalía, da terra, do tempo, da nai e da morte da poeta de Noia: ?Sedenta como un mar / e no teu mar afogada? (Torres 1957: 1718). En María Mariño é esta unha sede mariñá da mar salvadora do asolagamento:
¡Son aquela! Son aquela sempre soia que paseaba a ribeira a ver si nela atopaba, a ver si nela afogaba. (Mariño 1963: 14. A negriña é miña)
O MESTO MISTERIO ABISAL E, por outra parte, esta poética mariña de absoluto aparece plasmada noutro dos temas esenciais da poesía mariñá, o tema metapoético da palabra e da propia poesía, onde tal poética mariña se evidencia. O mesto misterio do bo cantar mariño da autora aparece recreado neste breve poema de Palabra no Tempo, no que a palabra de mar e a palabra de terra se mesturan nas ?mestas voces mesturadas? gardadas na poesía máis propia de María Mariño:
Mestas augas avolve o mar. Mestos aires ?temporal?, Mestas terras non se andan. Mestas voces mesturadas. Por qué sempre un bon cantar? (Mariño 1963: 46. A negriña é miña).
11
Nº 368