BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre María Mariño
O ABSOLUTO MARIÑO Este primeiro misterio mariño orixinario xera a poética mariña de absoluto da súa obra, que xira en torno á imaxe aberta, caótica, contraditoria, ambigua e polivalente do mar, omnipresente en todos os seus versos. É esta a imaxe mariñá da nena dos mares abertos de Noia do seu eterno retorno vivificador:
Las aves mis cantoras me buscaron, volví con ellas en el retorno, cuando este me lleva, las aves en su eco me posan, me posan en valle de cumbre, su eco mi adolescencia son los remos de amplios mares abiertos, que desembocan en tierras sin cultivar? en secos ríos, sordomudos? (Mariño 2007: 102)
Pois, en efecto, a súa vivencia do mar e dos paseos solitarios pola ribeira, da que quedou memoria entre as xentes de Noia, permanece como unha teima nos dous poemarios galegos, na constancia desa súa poética mariña de absoluto, coa emblemática recorrencia dos motivos do mar, das augas, das ondas, da marea, dos navíos, das velas, dos remos, do ?timón?, da proa, dos faros, da praia, do mariñeiro, do vogar, do navegar, do afogar e do naufragar, e coa presenza repetida do ?mar de fondo? e de ?un mar e outro mar?, xunto coa volta obsesiva ao seu ser pleno en soidade ante o mar noiés da nenez e mocidade. Podemos ver esta poética esencial de absoluto mariño en tres poemas emblemáticos da persoalísima lectura interior de María Mariño coa que mete nela mesma, no seu eu aberto, o mundo todo, co seu espazo a natureza toda e co seu tempo todos os tempos. Vexamos primeiro o de Verba que comenza que se inicia co fermosísimo verso ?Linme hoxe toda por dentro? e remata, nesta cita, na marea inmóbil do presente:
Linme hoxe toda por dentro. ¡Linme! ¡Como me está chegando! ¡Como me apaña! Eu non sei, Non sei si me chega ou vou por ela. Non o sei. ¿Ouh, para que me trouxeches si hoxe me levas? Hoxe, Hoxe, día de todos en un. Infindá do tempo. ¡Hoxe! Hoxe de quen todos somos na marea sin ondas, sin velas, sin barcos en coor vello (Mariño 1994: 163)
Nº 368
10