Estudos e investigacións sobre Xosé María Álvarez Blázquez
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
A primeira intervención arqueolóxica en Vigo como Comisario Local de Escavacións data de setembro de 1952, onde a apertura dunha rúa nas proximidades do actual colexio Picacho puxo á vista senllos enterramentos de tégulas de época romana. Unha completa e unha parte da outra, que en ningún caso conservaban restos humanos no seu interior, aínda que se puideron recuperar algúns anacos de ferros e restos de carbóns. A noticia deste primeiro descubrimento publicouna nas páxinas do Faro de Vigo do 20 de setembro de 1952 titulado ?Nuevos hallazgos. Para el esclarecimiento del pasado de nuestra ciudad? (Álvarez Blázquez 1952; Méndez Quintas 2008b: 255258). Nese mesmo ano, pero xa no mes de novembro realizaría unha intervención puntual no Monte do Castro, no que escavaría unha estrutura circular que achegou un importante número de restos arqueolóxicos, como ?terras sigillatas?, cerámica pintada de tradición ibera, elementos de bronce... Como en ocasións posteriores (caso da escavación de 1970 no propio Castro de Vigo e no da Illa de Toralla) Álvarez Blázquez nunca publicou, por escrito, os resultados destes traballos, polo que chegaron ata nós mencionados en estudos máis xerais, ou mencionados por outros investigadores. AS ESTELAS ROMANAS DO AREAL Se ben non tardaría moito en realizar un dos maiores descubrimentos da súa vida, e por ende un dos máis importantes da arqueoloxía galega; estamos a falar do descubrimento do conxunto de estelas funerarias romanas da rúa Hospital. Corría marzal de 1953, e durante a preparación das cimentacións dun edificio na esquina da devandita rúa coa de Pontevedra apareceu a primeira estela. Avisado polo contratista da obra, Álvarez Blázquez visita o lugar e decátase da importancia do achado. Conseguido o permiso do propietario do terreo, solicita a axuda municipal, era alcalde o Sr. Tomas Pérez Lorente, para emprender a escavación do lugar no procura de máis restos. Estes non se fan esperar, e ao remate da escavación, o 28 de abril dese ano, o saldo era de 30 elementos, entre estelas completas e fragmentos parciais, así como un cuantioso número de restos cerámicos de cronoloxía tamén romana. Álvarez Blázquez estaba ante o conxunto epigráfico romano máis importante de Galicia, aínda non superado na actualidade. A noticia fíxose eco entre na prensa local, caso do Faro de Vigo que o amosa en portada na edición do 24 de marzo de 1953. Nese mesmo ano celebrábase en Galicia o III Congreso Nacional de Arqueoloxía, o que foi aproveitado por Álvarez Blázquez para presentar unha noticia preliminar sobre o descubrimento e unha primeira lectura epigráfica (Álvarez Blázquez 1955; Méndez Quintas 2008b: 137150). Como posteriormente el mesmo recoñecería, este artigo tiña erros, sobre todo no eido das lecturas epigráficas, aínda que a importancia deste artigo, polo foro onde foi publicado, supera con creces calquera dos erros cometidos. Tempo despois deste primeiro artigo publica en 1961, en compañía do gran Bouza Brey, un novo estudo moito máis traballado, no vol. XVI de Cuadernos de Estudios Gallegos, titulado ?Inscripciones
173 Nº 369