MARÍA MARIÑO. NOIESA DO COUREL, DINAMITEIRA DA FALA Rosario Álvarez Blanco
Tomo prestadas estas palabras de Uxío Novoneyra, con licenza de todos vostedes. Ben sei que son as frases máis repetidas neste ano de homenaxe a María Mariño, pero o caso é que non acho mellor comezo para esta miña intervención sobre a súa lingua nin tampouco palabras mellor acaídas para esta ocasión, pois non esaxero se afirmo, con outros, que o gran poeta courelao, veciño de Parada, foi quen mellor coñeceu e comprendeu no intre a vea poética da nosa homenaxeada no día de hoxe. María Mariño ten o seu berce na ribeira do Atlántico, ao abrigo da ría de Muros e Noia. Viaxa dende as praias e o mar das Rías Baixas aos cumes e neves do Courel. Queda conmovida perante a beleza espléndida da paisaxe da montaña, grandiosa e íntima asemade, pero nunca perde a querenza do mar, que se converte en lugar e imaxe recorrente en toda a súa obra; tamén no seu léxico: aboiar, barco, bote, redes, afogar, mariñeiro, bogar, remo, borrasca, brisa, amarrar, ancla, praia, area, ribeira, auga, mar, pleamar, ondas, marea, furna, océano... Xunto ao mar, a natureza montañesa que a envolve e agarima, ata se fundir con ela, ocupa un segundo plano de importancia: bosco, bouza, pincheiras, barbeito, ucedo, afalalo gado... Noiesa do Courel: ten a súa casa e agroma como poeta en Parada, pero ata a fin dos seus días segue sentindo a voz do faro (?Ouh voz de faro, entre néboas, cánto teño de tí sin che oir!?, PnT) e, tomando as súas verbas, segue tendo o seu fogar en Noia: ?Pobos donde eu vivín! Algús eran máis feitos e queríanme engañar, mais eu nunca sentín neles o meu fogar. O meu fogar téñoo en tí: no teu vivir e nas tres pontes? (PnT). Hai quen di que ela é a serea dos Mariño. A serea que canta saudosa, desde os tesos cumes deste noso Olimpo, ollando o camiño de occidente, do solpor, do océano. O lembrado Manuel María, sempre presente connosco, deixou dito que María Mariño ?falaba cunha leve lentitude e usaba o galego noiés?. Tamén a súa lingua escrita é de base noiesa, fondamente noiesa, habería que dicir. Non é este o momento nin o lugar de facermos unha minuciosa exposición de datos lingüísticos que alicercen esta aseveración, que formulo de xeito tallante, sabendo que contradigo afirmacións anteriores de estimados colegas, ao meu xuízo apriorísticas e sen base documental. Vallan como mostra estes trazos recorrentes, nos que a adhesión á fala courelá esixiría formas ben diferentes: segue sendo cheísta ata a fin dos seus días (?Atopeiche, miña nai!, Atopeiche!? [PnT 15], ?Adeus, arbre de anos feito! ?dinche as xeadas que che queimaron, o sol que che quentou? [PnT 27]); masculinos e femininos en ?án (a mañán, a man, o serán, o chan,
115 Nº 368