BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Manuel Lugrís Freire
coñecer. A falta de resposta levouno a crer que non existía máis que o que el conseguira recompilar. En resumo, se consideramos os froitos obtidos polo teatro rexionalista en Galiza durante o século XIX, os resultados non foron demasiado alentadores. Contamos con catro dramas históricos, tres dramas sentimentais e o título dunha comedia; destes oito textos só foron estreados dous: A fonte do xuramento (1882) de Francisco M.ª de la Iglesia, e A torre do Peito Burdelo (1891) de Galo Salinas. A valoración de Carré Aladao non podía ser moi positiva, xa que o mellor desta produción (Mari Castaña, de Emilio Álvarez Giménez) non chegou a coñecela. De aí as reticencias que intentaba desentrañar Manuel Quintáns (1992) a respecto das seguintes palabras de Carré (1911: 126) ?Si las primeras obras teatrales gallegas, condenadas tal vez a no ser representadas jamás, aparecían inexpertas y tímidas, si la selección de asunto y trama eran fuera de toda realidad y conocimiento de la escena...?. De certo, o teatro dos rexionalistas en Galiza non soubo, ou non puido, chegar ao público. Uns, porque crearon un teatro diglósico que, baseado en ridiculizar o galego e os galegos, non podía ser aceptado pola sociedade vítima do escarnio, e os outros, porque nas súas arelas de crear un teatro culto esqueceron arraigalo na realidade social do público a quen ía dirixido e, prescindindo da lección de Rosalía, alleáronse totalmente da única tradición con que contaban: a popular e oral. Nesta situación, con máis dunha década sen que subise aos palcos urbanos unha obra galega, estaba o teatro cando, en 1902, Eduardo Sánchez Miño buscou o apoio de Galo Salinas e mais do grupo rexionalista da Coruña, para crearen unha compañía de teatro galego. Unha vez superadas as dificultades para conseguir actrices e logrados todos os apoios precisos, o 18 de xaneiro de 1903, no Teatro Principal da Coruña, celebrouse unha función destinada a recadar fondos para crear unha Escola Rexional de Declamación. A parte galega do programa consistiu na estrea en Galiza2 do drama ¡Filla...!, de Galo Salinas, e constituían o elenco, Julia e María Anguita, Dolores Losada, Consuelo Puga, Bernardo Bermúdez Jambrina e mais Federico Lago, baixo a dirección de Eduardo Sánchez Miño, que era tamén o primeiro actor. Os fins desta función foron difundidos tanto pola prensa da Coruña como pola de Santiago e a resposta foi moi boa, pois os máis ilustres rexionalistas desprazáronse á Coruña para asistiren á representación en sinal de apoio á iniciativa. Ademais das moitas louvanzas que a prensa dedicou á obra e aos intérpretes, Galo Salinas recibiu unha felicitación por escrito asinada por corenta figuras do mundo intelectual da altura e o agasallo persoal dun anónimo admirador. A Revista Gallega3 recolleu as críticas de toda a prensa local e reproduciu as cartas de felicitación recibidas polo seu director, cartas que chegaran desde todos os puntos de Galiza, e mesmo de fóra. A Escola Rexional de Declamación ficaba constituída en febreiro dese mesmo ano e na nota que comunicaba a súa constitución, publicada tamén na Revista Gallega, solicitou dos dramaturgos galegos que remitisen as súas obras ao Presidente do Directorio, Galo Salinas, rogando á prensa que reproducise o comunicado.
Nº 367 110