BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudos e investigacións sobre Manuel Lugrís Freire
O domingo últemo veu á rezusitar a groria d'os seus pasados tempos. Alá polo ano de sasenta púxose no teatro unha d'as suas obras. Mollos, estrume, carqueixas, patacas choveron na escena. As taborelas d'os asentos foron tamen a pousarse nos pés d'o dramaturgo, que tiña o privilexio de facer ôs mais cordos tolos rematados. As patacas e demais artícolos de primeira necesidade, dias dimpois, rubiron de precio na praza. A dar don Xan sete dias seguidos comedia, morreriamos de fame en Ourense por non alcontrar legumes que xantar. (Lamas Carvajal 1983)
En 1885, e probabelmente baixo a influencia do paso dado por Francisco M.ª de la Iglesia coa estrea d'A fonte do xuramento, e ao ano de se coñecer A costureira d'e aldea, publicábase en Lugo a peciña Unha noite na casa do tío Farruco do Penedo, de Laureano Guitián Rubinos. O texto gañara o primeiro premio no certame convocado co gallo da Exposición Rexional de Lugo de 18771, e o simple feito de que no seu Certame Literario se contemplase un premio para unha obra dramática indica que o teatro galego era unha realidade. As bases do concurso estabelecían, igual que para os outros xéneros literarios, que a comedia podía estar escrita en galego ou en castelán, de forma que non podemos ver detrás delas ningún interese por potenciar o teatro galego. Os promotores do Certame limitábanse a constatar unha realidade. Realidade que tamén se considerou no Cuestionario del Folklore Gallego, aprobado pola ?Junta Directiva del Folklore Gallego? na sesión celebrada o 29 de decembro de 1883 e publicado en Madrid no ano 1885. Este documento, preparado por unha Comisión integrada por Cándido Salinas e os irmáns Antonio e mais Francisco María de la Iglesia, no capítulo segundo, dedicado a ?Idioma y Literatura populares de Galicia?, centrou o artigo número 105 no teatro: ?Comedias ó poesía dramática popular: Lourenzo e Susana, etc.? Mais as referencias a actividades dramáticas no Cuestionario non se reduciron unicamente ao artigo antedito, senón que ademais de falar del no dedicado ao Entroido, tamén no capítulo terceiro, que se refire a ?Costumbres de Galicia?, figura un outro artigo, o número 137, coa seguinte relación: ?Comedias, farsas y representaciones vulgares en las aldeas, por vecinos?. É dicir, que ademais dos elementos parateatrais e das representacións realizadas en determinadas festas relixiosas, existía un teatro galego escrito para a inmediatez das funcións celebradas nas festas patronais, pensado para os actores amadores que o representaban e que, polas referencias que temos, non poñía reparos nin á linguaxe máis crúa nin aos argumentos subidos de ton. A este teatro popular hai que engadir todos os Apropósitos que, con motivo do Entroido ou de calquera outra celebración, se representaban nas cidades e vilas. Eran pezas en que se trataban temas da actualidade local, en clave maioritariamente humorística e en que era habitual a presenza dalgún personaxe da clase social máis baixa que falase galego. Se ben nalgunhas destas obras o uso da lingua, ademais de a utilizaren correctamente, servía de canle de reivindicación social, política, económica ou cultural, na maior parte era corrompida e acastrapada para provocar a hilaridade do público. Resulta curioso o elevado número de obras deste tipo que se conserva, por exemplo, na
Nº 367 106