Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
En 1992 aparece na serie Alicerces do MPG o opúsculo Enredos, que fora editado en 1958, en español, na Revista de Dialectología y Tradiciones Populares. Na mesma serie publicarase, en 2003, O carro no folclore de Galicia, que publicara igualmente na RDTP en 1974. O documental O carro e o home será restaurado en 1994 e editado en vídeo11. En 2003, o Padroado do Museo do Pobo Galego, reunido en Ourense, acorda dirixirse á Real Academia Galega para que se tome en consideración a candidatura de Lorenzo ao Día das Letras Galegas. A proposta sinalaba:
Coidamos que é escusado encarecer a importancia do labor intelectual de don Xaquín Lorenzo nos diversos eidos do saber que cultivou e, en especial, no da etnografía, disciplina á que se dedicou con singular empeño e na que deixou textos de referencia que, aínda hoxe, manteñen unha vixencia incuestionable. Consagrou a súa vida á investigación, asumíndoa como un monacato e encarándoa coa determinación de servicio a Galicia, con lealdade a ese propósito e ós homes que o alentaron e dos que foi fiel testamenteiro. De par da súa talla intelectual, a calidade humana e a nobreza singularizaron a súa persoa. Por todos estes conceptos considerámolo acredor a un lugar eminente no contexto da cultura galega.
A Academia, en sesión do 12 de xullo, resolve dedicarlle o Día das Letras Galegas. A Xunta de Galicia, pola súa parte declara o 2004 como ano de Xaquín Lorenzo. Ao longo deste ano, o Museo do Pobo Galego, directamente e, sobre todo, en colaboración con outras institucións afíns, entre elas a propia Real Academia, veu organizando unha serie de actividades ?exposicións, conferencias, publicacións? encamiñadas a enxalzar a figura do homenaxeado e contribuír á súa presenza no panorama cultural. Entre estas actividades, adquire singular importancia a exposición Xaquín Lorenzo Fernández. Vida e obra, que arestora vai itinerando por Galicia levando a mensaxe que el nos deixou, a mensaxe do seu espírito de traballo, da súa entrega xenerosa e incondicional á causa da Terra, que se sintetiza nestas palabras:
Pola miña parte, hai algo que me satisface. I é o pensar en que durante toda a miña vida traballei por Galiza, e todo o que fixen, fíxeno por Galiza. Millor ou pior. Cada un traballa segundo os talentos que Deus lle deu. Non vou xuzgar o valor da miña obra, pero si, toda ela sin excepción, foi feita pensando en Galiza, traballando por Galiza, mantendo a fidelidade que prometín cando me puxen en contacto con Cuevillas, con Risco, con Otero.12
A don Xaquín Lorenzo ninguén lle disputa a condición de sistematizador dos estudos etnográficos na Galicia do século XX. Desde a perspectiva actual, a súa obra ten que se considerar como unha inestiñable fonte de referencia para a investigación dos fenómenos sociais e culturais. Non debemos esquecer que o seu traballo estivo sempre encamiñado a un obxectivo último: contribuír á transmisión fidedigna dos elementos que definen a identidade galega. Para el, como para os homes da Xeración Nós, dos que sempre se declarou epígono, a Terra foi o horizonte que nordeou o seu proxecto vital. Don Xaquín Lorenzo soñou un Museo Etnográfico de Galicia, e sempre abrigou a esperanza de ser testemuña da súa creación. Tiñan que pasar corenta e seis anos, desde aquel
133 Nº 365