Alocucións académicas sobre o P. Sarmiento no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
todo, que redescubrise o galego, a lingua que mamara e que fora a habitual da súa infancia. A partir desta viaxe, na que estivera nove meses como ?preguntón insufrible?, á lingua galega vaille dedicar de xeito obsesivo os derradeiros 25 anos da súa vida. Frei Martín recoñecería que sendo de Galicia ?por todos los costados, sabía más de la China que de mi país originario?1. Unha das grandes preocupacións de Sarmiento é a etimoloxía sobre a que se pronunciou en moi diversas ocasións. A evidente parentela do galego e o castelán co latín, e a observación de que as mesmas letras se mudan sempre nos mesmos resultados romances, fixo que adquirise unha fe total na existencia de principios metodolóxicos que asegurasen a demostración dunhas determinadas hipóteses ou ?teoremas?, equivalentes ás leis fonéticas ou procesos da lingüística moderna. Baseándose en dez ou máis exemplos, Sarmiento estableceu 116 teoremas que constitúen a primeira fonética histórica do galego e do castelán, que a el lle servirían para comprobar hipóteses etimolóxicas destas linguas e tamén para redactar onomásticos etimolóxicos da lingua galega. A gran maioría dos teoremas que estableceu son válidos. Tal como opera calquera romanista moderno, Sarmiento ten o latín como tope das súas etimoloxías, á vez que considera que unicamente hai que ter en conta as palabras populares e non as ?exóticas?, porque o verdadeiro caudal léxico dun pobo está nas voces de uso popular, que constitúen o fondo máis antigo dunha lingua. E nisto o galego tiña unha posición privilexiada respecto do castelán ou do portugués2. Sarmiento preocupouse tamén pola fragmentación das linguas romances, a época en que esta ocorreu e as súas causas. Ten moi claro que o galego, o portugués ?que considera ?dialecto? do galego?, o castelán ?que considera codialecto do galego?, veñen do latín, ó igual có catalán, provenzal, italiano, siciliano e francés. E demostra isto poñendo cunha forma latina os resultados en galego e nas demais linguas neolatinas, con cadros comparativos como farán os romanistas do séc. XIX. A visión teórica da formación das linguas románicas preséntase desde o prisma da lingua galega e, secundariamente, desde a castelá. Pode reprochárselle que non tivese en conta o rético e particularmente o romanés, lingua con non moita tradición escrita na época de Sarmiento e que tivo o seu rexurdimento literario canda o noso, pois a obra de Eminescu, o poeta nacional de Romanía, e a dos outros grandes clásicos edítase entre 1866 e 1886. A gran paixón de Sarmiento polo galego converteuno nun precursor de escolas e métodos que se desenvolverían no séc. XX. Así, tal como podería facer un dialectólogo moderno propuxo un programa de recolleita sistemática de léxico galego, para o que cumpría que se dividise o reino de Galicia en oito partidos, nos que tiña que haber, polo menos, oito suxeitos esparexidos que fosen galegos nativos e que soubesen latín e castelán. Non elaborou un cuestionario, pero indicou que os catro partidos primeiros, ?por ser marítimos, han de cuidar de todo género de peces, conchas, mariscos, y aves de mar y de río, y de animales marinos y de plantas que nacen en el mar, en ríos, lagos y lagunas o arenales?3.
213 Nº 363