BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Alocucións académicas sobre o P. Sarmiento no Día das Letras Galegas
Tamén tivo en conta, en maior ou menor medida, a galeguidade lingüística destas comarcas nos seus traballos de codificación morfolóxica e léxica feitos nos últimos vinte anos en colaboración co Instituto da Lingua Galega. Plurais tipo animais do actual estándar nos anos 70 eran característicos do galego oral do Bierzo e das Portelas, fundamentalmente; formas como mércores e venres, xabaril e xebrar, hoxe practicamente popularizadas, hai anos só se oían en falas eonaviegas e bercianas e no leste de Lugo; e o mesmo ocorre con voces como guilsa, escarabana, zoldra ou engalar, populares nestas falas orientais pero que van entrando no galego literario. Hai uns días, co gallo do pasamento do Mestre Oliveira, Méndez Ferrín dicía da espiral de bestas ascendentes que ese escultor ten nunha praza de Vigo, que a derradeira das bestas ?parece disporse a engalar polos ceos?. Non usaba Ferrín o voar común en Galicia senón o engalar eonaviego e da comarca da Fonsagrada. Igual que onte en Pontevedra, na figura de Frei Martín Sarmiento estamos celebrando o rexurdir da literatura en lingua galega, pois el é autor da primeira obra moderna escrita integramente no noso idioma e, sobre todo, estamos celebrando o nacemento da lingüística galega. Pero ademais, nesta Vilafranca berce de Sarmiento, simbolicamente a Academia Galega está a homenaxear dalgún xeito a xente que naceu fóra da actual Galicia administrativa, pero que se integrou nela para contribuír á dignificación da nosa lingua e cultura, como ocorreu con Martínez Salazar, Cotarelo Valledor ou Fermín Penzol; e asemade a Academia homenaxea outros estremeiros e arraianos, practicamente descoñecidos na cultura galega actual, como Fernández Morales, que no dialecto galego do Bierzo escribiu un fermoso poemario editado dous anos antes dos Cantares de Rosalía, ou o eonaviego Mediante Ferraría, nado en Taramundi, que Carballo Calero consideraba epígono do Rexurdimento. Que a RAG estea hoxe en Vilafranca sen dúbida vai ser un estímulo para as persoas, colectivos e asociacións que de xeito humilde, practicamente sen medios, moitas veces coa incomprensión dos da banda de Laíño e dos da banda de Lestrove, pero movidos pola ilusión que xa empeza a esmorecer en Galicia, conseguiron que o facho da lingua galega aínda estea aceso en Asturias, León e Zamora. E que tamén o estea no val do Ellas, zona de Cáceres na estrema con Salamanca e Portugal, onde viven uns milleiros de persoas que decote usan un falar ?essencialmente galego? con leonesismos, froito da colonización que nesas terras realizaran Fernando II e o seu fillo Afonso VIII, reis de Galicia e de León enterrados na catedral compostelá. Como todos saben, Sarmiento, neno e mozo galegofalante deixou Pontevedra ós 15 anos para desprazarse ó mosteiro de San Martín de Madrid onde tomou o hábito benedictino. Estivo en Galicia no verán de 1725, logo en 1745 con motivo do Santo xubileo de Santiago e fixo unha terceira viaxe en 1754. Foi un total de 18 meses en terras galegas des que de mociño deixara Pontevedra. Ata a viaxe do ano 45 son moi raras as opinións sobre o galego na súa obra, pero esta viaxe fixo que descubrise Galicia e, sobre
Nº 363 212