PÍA O PAXARO DA PAZ. O COUREL DE MARÍA MARIÑO Olga Novo
Á memoria de María Mariño e de Uxío Novoneyra. Para os membros da ?Asociación EcolóxicoCultural SOS Courel?, paz para o noso lugar. Para a miña amiga Isabel Valcárcel, que lle chama ó solpor ?a hora do poder?.
VIVIR CORENTA VIDAS
Je vis comme si j'avais quarante vies, Où m'aventurer, Où détruire l'une après l'autre les destinées épaises, Où trouver loin de mes temps des temps où m'égarer. Nuage au ciel errant, Ruisseau d'herbe et herbe coulant, Hâte sans fin refraîchie, Je me fuis de vie en vie. (...) Armand Robin.
A poesía non ten lugar ou éo ela mesma. A palabra poética é unha palabra errática a través da cal se poden vivir, como quería o poeta bretón Armand Robin, corenta vidas. El viviunas nunha pequena aldea bretoa de comezos do século XX. Emily Dickinson escribiu toda a súa obra na fonda soidade do seu páramo natal, de onde apenas saíu, pero desde onde comprendeu a esencia da condición humana e lanzou os grandes interrogantes da existencia a competir co ritmo do voo da abella. Anna Akhmatova fíxoo no seu cuarto propio da dor en Rusia. Teresa de Xesús nunha cela. Virginia Woolf nunha casa en Bloomsbury. O lugar da poesía é ela mesma: a nómade e sedentaria condición da revelación. Mais tamén o lugar, un lugar concreto, pode desvelar o senso enteiro do universo, pois pode converterse en epítome da totalidade do cosmos. María Mariño pasou a maior parte da súa vida nas altas montañas solitarias do Courel, nun mundo afastado do mundo, pero que para ela contivo a posibilidade de vivir as corenta vidas que desexaba, desde a do fento á da fonte, desde a do castiñeiro frondoso á do humilde paxaro pequeno. O lugar recóndito e remoto proporcionoulle a liberdade de vivir, nunha soa, tódalas vidas. Porque a poesía é unha experiencia múltiple para quen sabe vela e vivila.
85 Nº 368