Traballos e investigación sobre outros temas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
que, con intención didáctica, veremos máis adiante en Sarmiento ou Pintos, e que aquí ten a función estilística de acentuala idea de exhaustividade. A vila mariñeira está presente non só a través dos pescadores e regateiras, senón tamén dos caldeireiros e os numerosos «mestres dos pichés, pipas, barrís e tonés», pois as exportacións de peixe e viño do ribeiro ou ullao deron lugar a unha activa industria toneleira, e en certo modo tamén noutros artesáns do ramo do metal: ferreyros, serralleyros, ferradores. A vida urbana, cunha burguesía enriquecida, sustenta os alfaiates e prateiros, o barbeyro e o boticario, os tundidores dos panos e os zurradores das peles; os peores de todos, os escriuanos reás. Os tezeláns ~ teçeláns ora pertencen ó mundo urbano, ora ó rural («Biçente o teçelán», veciño de Gargallóns). Os menos favorecidos, que untaron pouco ou nada as mans, son o canpanario, o gaiteiro (rural), os labradores e os peóns itinerantes de Cotobade. Os soldados («esa jente») son alleos, non pertencen á comunidade. Algunhas destas voces son especialmente interesantes pola súa cronoloxía. Así ocorre con alfayate, que permite datala desaparición en favor de xastre entre 1600 e 1745, pois nesta data xa Sarmiento a dá reiteradamente como unha voz antiga recuperada a partir de documentos medievais (CVFLG: 273), fronte á usual xastre (CVFLG: 487)44; Frei Martín tamén dá noticia de que na Pontevedra do s. XVI as dúas formas competían (1525 xastre; CVFLG: 385), por iso é máis significativo que o vello Bieito só empregue alfaiate. Sorprende a forma canpanario, por ser formación culta en ario, en lugar do ant. campeiro, co eiro habitual nas ocupacións. 3. Entre as pezas do vestido e o calzado, dá noticia da camissa, o cós e o sayo para o corpo, na cabeza un capelo, nos pés o calzado, os çapatos. Referidos ó calzado, ó sayo ou a ambos, atopamos as atacas (substantivo da familia de atacar 'atar forte'), os vlletes e a porta ('abertura', que hoxe só coñecemos para a do calzado). Como roupa da casa, menciona os manténs e a sabán; o lío é o 'atado' coa roupa do viaxeiro. Canto ó aseo persoal, a barba posta alude a que o descoñecido vén ser barbear, en contra do esperado nun veciño con casa na rodeada, o que permite deducir que se trata dun ambulante ou dun camiñante («debe de ser da Benposta / ou peón de Cotobade»). A época de extrema necesidade que están atravesando dá lugar a falar da mantenza. Ademais dos numerosos productos da pesca xa citados, menciona bianda, biño, pan (xenérico), millo ('millo miúdo'), pantrigo, boroa (de millo miúdo), pasta, carne, carneiro, reixelo45, galo e galiña. En «nonos deixaron biño, pan nen pasta» interpretamos pasta como 'masa' entendendo que lles acaban de tal xeito co pan que nin queda masa que sirva de lévedo para a seguinte fornada, pois parece improbable que nas casas labregas fixesen biscoitos coma os usados nos longos desprazamentos de barcos ou exércitos. Canto ós nomes de parentesco, salientamos que xa se rexistran nay e pay, en lugar dos antigos madre e padre, o primeiro dobremente interesante, pois como é coñecido hai un reparto dialectal entre occid. nai e or. mai. Ademais atopamos (miña) muller ('esposa', coma na actualidade), tío, sobriño e parente.
275 Nº 363