BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Traballos e investigación sobre outros temas
chozes), todos eles documentados aínda hoxe na costa das Rías Baixas e máis concretamente na contorna pontevedresa (para a distribución diatópica moderna seguimos a Ríos Panisse 1977); consonte isto, rexístranse outras voces mariñeiras, como barredeira e lançada. Unha abundancia denominativa que choca coa case total ausencia de información sobre a actividade agrícola nos fragmentos conservados (carro ferrado, carros e bestas, caniços e zestas, eirado), a pesar de que os dous dialogantes son labradores; a súa referencia á praza e á feira, que lles podería dala ocasión de daren entrada ó mundo rural, serve para criticar que as regateiras non acudan ó mercado e vendan todo o peixe por fóra, eludindo o fisco e o control do comercio. Pixota é denominación mariñeira para a 'pescada', sobre todo para a que non é moi grande, localizada actualmente en ámbalas beiras da ría de Pontevedra e en parte da costa coruñesa. Nas Rías Baixas a voz xiba só se atopa hoxe na beira sur da ría de Arousa e en Noia, onde coexiste con chopo, que se estende cara ó N, e con choco, que forma unha área compacta deica A Guarda; en Pontevedra úsase choco, pero xiba é voz coñecida e comprensible, que con certeza existiu noutrora, pois atendendo ás anotacións de Sarmiento e de Pintos, o choco pontevedrés era unha 'xiba pequena'40. Non é doado establecer en que reside para o autor do texto a diferencia entre panchoz e buraz, que hoxe son polo xeral sinónimos ('ollomol pequeno') pertencentes a áreas xeográficas parcialmente superpostas: panchoz dáse entre Cambados e Noia como variante da voz pancho usada hoxe en Pontevedra co mesmo significado, mentres que buraz ocupa desde Noia a Bouzas. Sarmiento coñeceu tamén as voces panchoz e buraz, que usa na mesma copla a pesar de que para el denominan o mesmo peixe41, o que axuda a testemuñala equivalencia das dúas outrora na Vila. Apurando a distinción entre ambas, esta establécese hoxe en relación con especies distintas de morfoloxía semellante, podendo ser pancho ~ panchoz preferentemente un 'ollomol pequeno' e o buraz un 'besugo pequeno' (especie chamada dentón noutros lugares)42; ou establécese por tamaños, sendo o buraz máis pequeno có panchoz43. Tendo en conta o fragmento en que ocorren ambas, inclinámonos por esta última opción: xa que logo, «buraziños, panchozes tama[ñ][iños]» débese entender como 'ollomoles pequeniños, ollomoles xa grandeiros'. A lagostra do texto refírese ó insecto, non ó animal mariño, co que comparte o nome. Ofrece a particularidade de que non desenvolveu o n doutras variantes, pero si a vibrante tras oclusiva, unha variante minoritaria que, referida ó crustáceo, aínda se rexistra hoxe entre Portonovo e Carril, así como nalgúns puntos dispersos da costa coruñesa. O texto confirma que é solución antiga en Pontevedra, que Sarmiento trata aínda como forma prioritaria (CVFG: 228), a pesar de que confirma xa a coexistencia de langostra (Ib.: 229) e langosta (Ib.: 247, 248, 364). 2. A concentración das actividades artesanais nas cidades explica a abundancia de nomes de oficios no texto, dados nalgunhas pasaxes en longas relacións que lembran as
Nº 363 274