BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Apéndice
mente consolidado, codificado pola Academia coa colaboración do Instituto da Lingua Galega. As normas facilitaron notablemente o seu ensino masivo e a intensa producción cultural. A lingua propia de Galicia, presente tamén nos medios de comunicación, está hoxe estudiada, prestixiada e difundida internacionalmente gracias ó traballo altamente especializado de numerosas persoas, pertencentes ou non a esta institución. A función da Real Academia Galega mudou nestes case cen anos. Hoxe xa non é o único ámbito de estudio científico ou de promoción da lingua e cultura galega, senón que comparte esa tarefa co Goberno de Galicia, cos traballadores de tódolos niveis do ensino e da investigación, con múltiples e dinámicas asociacións e entidades culturais e con numerosas iniciativas privadas. E, sen embargo, unha lei de 1983 outorgoulle a esta Corporación unha auctoritas lingüística que debe exercer no ámbito normativo. Os presentes estatutos amplían esta responsabilidade ó estudio científico e á difusión da lingua. Tamén a situación da lingua galega mudou nestes case cen anos. O impresionante abandono do mundo rural, que durante mil anos fora o seu feudo, provocou a necesidade de facela igualmente fluída nas complexas estructuras da vida urbana. E nesta loita cultural os falantes teñen que facer fronte a vellas inercias, á moderna globalización e ó carácter unidirecccional dos medios de comunicación. Os problemas son novos e a situación moi distinta da que tiñan diante os fundadores da Academia. A estas novas demandas, que están vencelladas ó porvir da lingua, deben responder tamén os traballos da Academia. Por todo o exposto, a Real Academia Galega ten a obriga moral e cultural de converterse nun futuro nunha institución centrada no idioma galego, razón pola cal os membros que a constitúan deberán provir, en boa parte, das disciplinas lingüísticas e literarias, se ben a Academia deberá ter no seu seo persoas moi relevantes noutros saberes, moitos dos cales (Historia, Belas Artes, Medicina, Ciencias naturais, etc.) son, en ocasións, esenciais para resolvermos problemas lingüísticos; léxicos, sobre todo. A Academia Galega realizará cantos estudios lingüísticos e literarios foren necesarios, para, en cada momento, establecelos criterios idiomáticos que configuren a norma culta do idioma. Precísanse ideas novas, traballos novos e mesmo persoas novas. Por iso dende 1985 a R.A.G. puxo en marcha unha profunda renovación, entre outras cousas, dos seus estatutos (que, por diversas circunstancias, non deu culminado ata o 25 de febreiro do ano 2000) e do novo Regulamento de Réxime Interno, aprobado na sesión do 4 de novembro do 2000 e refrendados na do 13 de xaneiro do 2001. Aprobado no Plenario do 17.3.2001
Nº 362
338