BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Eladio Rodríguez González
de Eladio Rodríguez González en poesía social porque, aínda existindo suficiente forza e paixón nel, están atenuadas polas crenzas relixiosas, aparecendo continuamente a saudade da fe e do outro mundo onde os que foron maltratados neste, terán o seu premio; nin fouces nin lume nin apelacións aos labregos para a loita, esta poesía está, neste sentido, lonxe tamén do compromiso social de Cabanillas. Aparecen criticados os amos das terras, os trabucos e os foros pero tamén son motivo de critica os labregos pola falta de caridade e didacticamente fálase do castigo divino; a emigración maniféstase como unha saída que conduce á morte e que incrementa a miseria. Non hai unha proposta de cambio da estructura social inxusta que padecen os labregos e a única saída é a resignación pola crenza nun mundo mellor despois da morte. Ningunha destas composicións é lírica pura á maneira dos poemas posteriores ?Orballeiras? ou ?Oración sen nome? pero, en case todas, hai descricións líricas que, en ocasións, afogan a liña narrativa. Prima o didactismo o amor á terra e o profundo sentimento relixioso nas catro composicións populares, non exentas de certas notas cultas, cunha métrica elaborada e artística na que, o poeta non se permite descoidos. Na composición satírica demostra ser un bo poeta que, cunha ironía moi actual, ataca á moda facendo un poema que pode considerarse totalmente vixente.
Os certames de Toulouse, nados para promover o cultivo da poesía provenzal, logo se viron forzados a admitir composicións escritas na lingua francesa. Os Xogos Florais da Coruña determinaban que, a excepción da poesía ?A Galicia?, obrigatoriamente en galego, o idioma utilizado podía ser o galego ou o castelán; esta precisión, nuns tempos nos que o uso do galego era minoritario na creación literaria, non axudaba moito á normalización da lingua. Os certames de Betanzos, supoñen un avance enorme na potenciación do uso da lingua galega de tal maneira que faltou moi pouco para que a cidade brigantina lle gañase o posto á cidade de Tui, dos primeiros celebrados enteiramente en galego. Se o primeiro Certame inaugurou os Xogos Florais na cidade de Betanzos, o segundo conseguiu convocar a un dos máis grandes promotores da cultura galega, Andrés Martínez Salazar, autor de varios traballos sobre a historia da cidade, editor de documentos antigos importantes para a consideración da dignidade da lingua galega e fundador da ?Biblioteca gallega? que inaugura en 1885 coa publicación de Los Precursores de Murguía, chegando a editar máis de cincuenta volumes, entre os que se encontran algúns dos autores premiados no certame de Betanzos e Folerpas, o primeiro libro de Eladio Rodríguez González, onde se inclúen as composicións premiadas nos dous certames; os dous autores, no traballo lingüísticoculturalliterario, na Cova Céltica, na Academia ou fóra, coincidirán moitas veces e serán fieis amigos. A Andrés Martínez Salazar debemos tamén a publicación na súa revista Galicia, en 1888, da Memoria dos dous Certames e das obras premiadas, que son das primeiras publicacións de don Eladio. Nos dous
Nº 362
78